Escoitar

O Concello insta á Xunta a asumir o custo das escolas infantís municipais

A moción rexistrada polo grupo de goberno demanda do executivo autonómico o financiamento dos 2.338.000 euros que Vigo abona polos seus nove centros de cero a tres anos. Ademais, o Pleno tamén solicitou que o comedor escolar sexa de balde para as familias nas escolas da Xunta, tal e como acontece nas do Concello.

mércores, 30 mar 2022

O texto recolle que, a día de hoxe, ao redor do 80% do alumnado matriculado nas escolas infantís municipais non pagan nada polo servizo, nin a atención educativa nin o comedor nin ningún outro servizo complementario, ao ser subvencionado polo Concello. O próximo curso, a gratuidade abonada pola administración local se estenderá á totalidade das prazas nos nove centros, aos que o Concello adica anualmente 2.338.000 euros.

Votada por todos os concelleiros e concelleiras, coa excepción dos do Partido Popular, que se opuxeron, a moción afirma que a Xunta de Galicia anunciou “aos catro ventos” a gratuidade das escolas infantís en Galicia desde o vindeiro curso, mais as familias que atopen vacante nos centros de titularidade autonómica deberán pagar os servizos complementarios como o comedor.

Así, o acordo adoptado este mércores pola Corporación require da Xunta de Galicia que faga efectiva a gratuidade anunciada, por un lado financiando os 2.338.000 euros que custan as do Concello e, en segundo lugar, garantindo que o comedor sexa de balde nas escolas infantís de propiedade autonómica.