Vigo ten acollido 42 persoas ucraínas no dispositivo de emerxencia
O alcalde informou este xoves do desenvolvemento do proceso de acollida de refuxiados na cidade, que tramita Accem, e co que 6 persoas conseguiron xa o empadroamento na cidade e permiso de residencia e traballo.
En rolda de prensa, Abel Caballero deu conta do acollemento en Vigo, a través do dispositivo de emerxencia, de 42 persoas ucraínas que se aloxaron en hoteis ou hostais namentres se van tramitando, entre outras xestións, a protección internacional nas dependencias policiais.
Así, o Concello é responsable de realizar o primeiro acollemento ata que a ONG Accem tramita o acollemento. Nestes momentos hai 6 persoas que entraron xa na primeira fase do programa de acollida: están nunha vivenda, na que foron empadroadas, dispoñen de tarxeta sanitaria e permiso de residencia e de traballo, tal e como establecen os dereitos fundamentais dos refuxiados, segundo a Carta da ONU.
O rexedor explicou que, amais, o Concello outorgou as tres primeiras bolsas de comedor para tres menores xa escolarizados en Vigo, unha xestión que se realizou coa apertura dun prazo extraordinario para estas familias ucraínas. Así mesmo, esta semana chegaron á cidade dúas familias con nenos con diversidade funcional e problemas de saúde, de maneira que se xestionou a disposición dun centro de día para un dos menores mentres o outro foi derivado ao Sergas.
Axudas de emerxencia
O goberno municipal concedeu esta semana, na comisión de axudas de emerxencia, 65 axudas por un importe total de 11.500 euros. Das 65 concedidas, 12 foron para afrontar pagos de alugueiros, por un valor de 4.200 euros, co que “lle demos aproximadamente 200 euros de axuda a doce familias”, expuxo o alcalde, e 3 foron para o pagamento de aloxamento, por un valor de 190 euros. “Con estas axudas evitamos 15 desafiuzamentos”, sinalou Caballero.