O alcalde pide celeridade á Xunta para non obstaculizar as obras de Vigo
O Concello solicitou hai tres meses a Patrimonio autorización para o traslado do o hórreo situado en Samil co fin de avanzar nas obras de recuperación do sistema dunar da praia que, na primeira fase, abranguen ata a zona do Camaleón.
“Imos rexenerar o paseo desde o principio ata a zona do Camaleón, que xa foi derrubado, facendo un paseo máis ancho e situado máis arriba do anterior, permitindo o crecemento da duna e da area: máis praia, máis area, máis paseo e paseo respectuoso con Samil que é unha xoia”, explicou o rexedor este xoves en rolda de prensa.
Para poder acometer a obra de rexeneración da praia de Samil e a ampliación do paseo, que ascende a case 5 millóns de euros, é preciso desprazar uns 20 metros o hórreo situado ao lado das palmeiras. Tal e como explicou Abel Caballero, o hórreo está inventariado, aínda que o informe do inspector de Patrimonio Histórico indica que está descontextualizado, xa que foi trasladado á praia a finais dos anos 70 para ser utilizado como elemento decorativo. O cambio farase con “respecto exquisito e con responsables de Patrimonio velando porque se faga ben. Ten que ser autorizado e parécenme ben as cautelas co patrimonio histórico, que teñen que estar presentes sempre”.
O alcalde censurou a dilación do proceso de autorización por parte da Xunta de Galicia: “pedimos permiso hai case tres meses e non temos resposta cando precisamos o informe para licitar a obra de case 5 millóns de euros”. Un proxecto que será financiado con fondos europeos “e van dárnolos, xa que recuperar unha praia e zona dunar está no corazón mesmo do programa Next Generation”. Así, considera “intolerables” os obstáculos da Xunta de Galicia ás obras de Vigo.