O goberno de Vigo trazará un “mapa da soidade” para identificar situacións de vulnerabilidade nos maiores
A Xunta de Goberno Local dará luz verde este xoves á adxudicación dos traballos de análise das condicións de vida das persoas maiores en Vigo, previo á elaboración dun plan estratéxico de actuación pioneiro en Galicia. Este diagnóstico permitirá a detección precoz de vulnerabilidade social.
O goberno de Vigo prevé adxudicar este xoves os servizos de análise e diagnóstico das condicións de vida das persoas maiores na cidade, un “mapa da soidade” a partir do cal o Concello elaborará un plan estratéxico de acción pioneiro en Galicia.
O alcalde informou este mércores en rolda de prensa desta iniciativa municipal, dotada dun orzamento de 85.000 euros. Unha vez asinado o contrato, se realizarán entrevistas persoais a case que 4.000 persoas maiores que viven soas para elaborar un diagnóstico da súa situación social, económica, de saúde e de condicións de vida, tratando de detectar posibles situacións de vulnerabilidade.
Co estudo, a administración local viguesa poderá coñecer en detalle o número de persoas que viven en soidade non desexada e as condicións nas que o fan. Segundo os datos do padrón municipal correspondentes ao pasado mes de agosto, a cidade conta con 69.954 persoas maiores de 65 anos, un 23,45% da poboación viguesa. Destes, o 59,2% son mulleres. Respecto dos maiores de 80 anos, a cifra ascende a 19.719, o que representa o 6,61% dos vigueses e viguesas. Nesta franxa increméntase notablemente a porcentaxe de mulleres, que alcanza o 65,8%. 193 persoas teñen máis de 100 anos (das que o 76,6% son mulleres) e 101 viven soas.
A análise permitirá ao Concello elaborar e aprobar o I Plan estratéxico de atención ás persoas maiores de Vigo, unha ambiciosa proposta social chamada a converterse no primeiro destas características en toda Galicia. O goberno de Vigo procura así reforzar a prevención de situacións de vulnerabilidade (social, económica ou sanitaria) e a súa detección anticipada, para poder prestar unha asistencia inmediata a través dos distintos servizos e programas municipais ao efecto, como a teleasistencia, o servizo de axuda no fogar, os coidadores de barrio, entre outros. Amais, en base a este Plan, Vigo porá en marcha novos programas de envellecemento activo e relación social dos maiores.