Escoitar

O Concello eleva este ano a súa achega ao MARCO ata os 795.000 euros

O goberno de Vigo destinara 675.000 euros no 2021 ao Museo de Arte Contemporánea. O incremento, afirmou Caballero, responde á exposición polo aniversario de Laxeiro e reverterá no funcionamento do centro. O alcalde censurou que a Xunta suba “cero” ao MARCO nun ano de aumentos de Concello, Deputación e Ministerio de Cultura.

mércores, 2 feb 2022
Abel Caballero, en xaneiro deste ano, durante a inauguración no MARCO da mostra de Teresa Moro.
Abel Caballero, en xaneiro deste ano, durante a inauguración no MARCO da mostra de Teresa Moro.

A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves o financiamento do Concello de Vigo á Fundación MARCO para o funcionamento do céntrico museo durante o exercicio de 2022. En rolda de prensa, Abel Caballero asegurou que a administración local viguesa adicará 120.000 euros máis este ano, pasando dos 675.000 de 2021 aos 795.000 euros.

“Seguiremos apoiando o MARCO en toda a súa extensión e para que siga adiante a súa senda de éxito certamente notable”, manifestou o alcalde este mércores, logo de explicar que a suba responde á exposición que prepara o Concello para celebrar o “Ano de Laxeiro en Vigo” e ao propio funcionamento da entidade.

Abel Caballero contrastou o incremento do 17,7% da achega municipal ao MARCO coa suba “cero” da Xunta de Galicia, nun ano ademais no que tanto a Deputación de Pontevedra como o Ministerio de Cultura tamén elevan a súa transferencia. “Nós subimos 120.000 euros; o Ministerio de Cultura, 15.000; a Deputación, 10.000; e a Xunta de Galicia, cero. A Xunta de Galicia adica os recursos a financiar museos doutras cidades, varios en Santiago, por exemplo”, aseverou.

Descargar todas as imaxes