Escoitar

Vigo pide a Feijóo que apoie a alternativa da autovía en túnel ata O Porriño

O Pleno extraordinario resolveu cos votos favorables do Grupo Socialista que Feijóo debe rectificar inmediatamente da súa proposta e aceptar o proxecto do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que propón como alternativa a construción do tramo pendente da A-52 (O Porriño-Vigo) en túnel. O Grupo Popular e o edil non adscrito abandonaron o Salón de Plenos. O Grupo Mixto abstívose.

martes, 1 feb 2022

O Concello de Vigo celebrou un Pleno Extraordinario no que pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a súa rectificación a súa proposta, aceptando o proxecto do MITMA, que propón como alternativa a construción do tramo pendente da A-52 entre O Porriño e Vigo en túnel. Tamén co voto dos socialistas solicítase a Feijóo “pedir desculpas á cidadanía pola súa proposta, claramente lesiva para os intereses da cidade”, segundo a propia resolución. Engade que debe apoiar publicamente ao Goberno de España no seu compromiso da construción do tramo pendente para que a autovía chegue ata Vigo. Por outra banda, tamén solicítase ao Ministerio de Transportes a liberación da peaxe do tramo da AP-9, entre Puxeiros e O Porriño, en tanto non se constrúa a autovía en túnel.

Abel Caballero amosou na súa intervención a sorpresa pola negación de Feijóo de facer unha inversión “dunha gran obra” no territorio: “É o primeiro presidente autonómico, que eu saiba, que di a outra administración de non facer unha obra desta envergadura”, lamentou na sesión.

O primeiro edil expuxo os motivos polos que é precisa unha autovía en túnel e ter saída directa a Madrid: “Vigo é a única gran cidade do Estado que non a ten. Temos unha vía de alta capacidade con velocidades entre 60 e 80 km/hora, cunha moi alta intensidade do tráfico e alta sinistralidade. A autovía en túnel é imprescindible por seguridade, para facer menos km e aforrar tempo”.

Caballero sinalou que ningún navegador propón a alternativa de Feijóo, ir pola AP-9 ata O Porriño, xa que, segundo os datos do rexedor, son 21km desde Praza España e o percorrido ten unha duración de 17 minutos, fronte aos 14km e 14 minutos do trazado actual e a alternativa do MITMA, e que apoia o goberno local, de facer un túnel desde Baruxáns de 10km e facelo en 10 minutos.

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito lamentou a partida de 100.000 euros nos Orzamentos Xerais do Estado para unha obra de 340 millóns. Logo decidiu abandonar o Pleno por non compartir a convocatoria do pleno. O mesmo fixo o Grupo Municipal Popular, que falou de “falta de vontade política” polo Goberno de España para esta actuación. O Grupo Mixto pediu consenso político para abordar a mobilidade no termo municipal vigués.

Na réplica, o alcalde insistiu na necesidade da nova autovía en túnel e lamentou as posicións do Grupo Mixto e o edil non adscrito: “A posición do PP é o esperado. Que o digan outros fai saltar as alarmas. Nos alarmamos porque con algo parecido comezou o hospital privado chamado Álvaro Cunqueiro; cun comentario similar arrancou a idea de Galicia aeroporto único e o intento de pechar o aeroporto de Vigo; o mesmo sucede coa alta velocidade ferroviaria; tamén houbo un intento de deixar a Vigo sen partido xudicial; a Xunta mandou ao conselleiro de Cultura a dicir que non querían Biblioteca do Estado en Vigo; e a Xunta presentou unha candidatura alternativa a Cíes para tapas naquela que levamos anos e anos traballando... e podería facer un listado”.

Votaron a favor o 20 edís do Grupo Municipal Socialista: “Imos facer a autovía en túnel. Nin a ministra respondeu a Feijóo sobre a súa proposta. Farémola solos”, sentenciou Caballero. O non adscrito abandonou o pleno logo de facer a súa intervención. O PP fixo o mesmo antes da votación. O Grupo Mixto abstívose.

Descargar todas as imaxes