Concello e Deputación culminan a nova zona infantil cuberta do CEIP Pintor Laxeiro
O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta provincial, Carmela Silva, asistiron este luns á inauguración da obra, pagada polas institucións local e provincial por importe próximo aos 200.000 euros. Silva louvou o proxecto educativo do colexio e Caballero subliñou unha reforma que pon “en cor” ao Pintor Laxeiro.

Os máximos responsables políticos do Concello e da Deputación, xunto á directora do colexio e parte do profesorado, descubriron este luns a placa conmemorativa da obra, a adaptación dunha zona do patio para o alumnado de Infantil, de tres a seis anos, con varios xogos, peche perimetral e unha cuberta para poder empregala tamén en días de chuvia. O solo, de caucho, conta coa representación dunha das obras de Laxeiro.
Ambas administracións adicaron 196.000 euros a mellora deste espazo, como parte do convenio de colaboración rubricado por Caballero e Silva para realizar este obra e tamén a cobertura do patio do CEIP Balaídos, actualmente en execución. O acordo asinado por Concello e Deputación ascende a 616.000 euros: “A Deputación de Pontevedra segue dedicando recursos á cidade de Vigo”, subliñou o rexedor vigués.
En declaracións posteriores, Abel Caballero recordou que estas accións son “obrigación e competencia da Xunta de Galicia, pero a Xunta de Galicia ten abandonada a educación na cidade de Vigo e nós imos ter que suplilo”. Así, o Concello xa cubriu patios nos colexios García Barbón, Canicouva, Virxe do Rocío, Castelao e Carballal. O CEIP Balaídos atópase neste momento finalizando as obras. O Concello leva investido nestes patios case dous millóns e hoxe en día traballa na elaboración dos proxectos para os colexios Villalaura, Frián-Teis e Javier Sensat. “Seguimos atendendo a educación na cidade de Vigo”, resumiu Caballero.



