O Concello garante o control arqueolóxico nas obras da Porta do Sol
As obras contan co control arqueolóxico dunha empresa contratada polo Concello, supervisadas por técnicos arqueólogos de Patrimonio.

O alcalde explicou en rolda de prensa o control arqueolóxico que está a facer o Concello nas obras de Porta Sol, tanto en Policarpo Sanz como na rúa Elduayen.
Abel Caballero manifestou que a día de hoxe non hai novidade sobre os restos atopados na rúa Elduayen, pendentes da fotogrametría dos restos e que serán estudados con planos antigos da cidade, desde 1770 ata 1890, co obxectivo de coñecer a súa correspondencia.
Por outra banda, lembrou que o túnel dos Caños, na confluencia de Porta do Sol con Policarpo Sanz, era coñecido e está no proxecto inicial da obra. “A única novidade e que o espesor do túnel e maior da esperada”, deu a coñecer na rolda de prensa. Tal e como estaba previsto nos documentos da obra, “se desmontará parte da cuberta do túnel, ao que a Xunta xa lle dera a súa aceptación”.
O rexedor afirmou que a obra da Porta do Sol se fai “con transparencia, claridade e precaución total” e que “mentres sexa alcalde os restos arqueolóxicos serán tratados como corresponde e como digan o técnicos arqueolóxicos da Xunta de Galicia”.
O Concello esperará o resultado do informe feito pola empresa tras realizar a fotogrametría, a avaliación dos arqueólogos municipais e enviará os resultados a Patrimonio.