Escoitar

O alcalde esixe a Feijóo que transmita á ministra o seu apoio á autovía Vigo-Porriño en túnel

Abel Caballero asegurou que o presidente da Xunta debe desculparse ante a cidade e o Ministerio e rectificar a súa posición, trasladando o seu apoio explícito á construción da autovía en túnel entre Vigo e O Porriño. O alcalde recordou que Feijóo pediulle á ministra de Transportes “aforrarnos” o custo da nova vía.

xoves, 3 feb 2022
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa.

Abel Caballero mantén a presión sobre o presidente da Xunta de Galicia para que Núñez Feijóo manifeste pública e expresamente o seu apoio e o do goberno autonómico á construción dunha nova autovía en túnel entre Vigo e O Porriño, financiada polo Goberno de España.

Logo de que este xoves os medios de comunicación recollan que “fontes da Xunta” aseguraran un apoio “fora de dúbidas” ao proxecto, o alcalde, en rolda de prensa, emitiu as declaracións do presidente autonómico ao remate da reunión coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, celebrada en Santiago o pasado 21 de xaneiro: “Propuxemos”, afirmara entón Feijóo, “para non abrir outra autovía de obra nova, ver a posibilidade de facer un tramo, entre Vigo e O Porriño exactamente, da autoestrada de peaxe na sombra e aforrarnos os 350 millóns que vale esa autovía”.

“Feijóo opúxose á autovía coa ministra de Transportes”, ratificou Caballero: “Dixo que non se fixera, que se aforrara diñeiro non facendo esa autovía e que demos unha volta de vinte quilómetros” para enlazar desde a cidade coa A-52. O alcalde manifestou que “hai a certeza de que dixo que non” ao Ministerio e polo tanto “ten que rectificar, non vale que alguén diga que está fóra de dúbidas. A Xunta está desmentindo ao presidente da Xunta?”, preguntouse.

Abel Caballero engadiu que ve “con agrado que van pola liña da rectificación, pero, como é natural, ten que facelo o presidente da Xunta. Ninguén desautoriza ao presidente da Xunta desde a Xunta, polo tanto ten que ser el” quen se manifeste. “El persoalmente ten que mostrar o apoio, se o quere dar; ten que rectificar esa declaración e se ten que dirixir á ministra”, esixiu.

O alcalde anunciou o envío dunha carta a Núñez Feijóo requiríndolle que se dirixa a titular da carteira de Transportes, Raquel Sánchez, “dicíndolle que rectifica o dito na reunión e que apoia a autovía en túnel”, ademais de demandarlle “desculpas” á ministra e á cidade de Vigo.

“Se eu non levanto a voz, hoxe estariamos na teoría de que non fai falta esa autovía. Soamente o alcalde e o goberno de Vigo levantou a voz”, asegurou Caballero: “Unha vez máis defendendo Vigo”.

Por outro lado, e continuando co anunciado este mércores de informar desta situación ás entidades empresariais, Caballero anunciou que tamén remite cartas a ARVI, Conxemar e a Citroën Vigo, porque “unha cantidade importantísima do transporte de Vigo faise con vehículos de Citroën e Feijóo propón que dea unha volta de vinte quilómetros”. Engadiu o alcalde que “a produtividade da automoción e da pesca ten moito que ver tamén coas infraestruturas de transporte aos centros de consumo e dar unha volta de vinte quilómetros non forma parte da lóxica de aumentar a produtividade”.

Descargar todas as imaxes