Javier Moll, Medalla Distinción de Honra Cidade de Vigo
O alcalde anunciou que propoñerá ao Pleno outorgar ao fundador e presidente do grupo editorial Prensa Ibérica, no que se integra Faro de Vigo, esta distinción especial “polo apoio continuo do xornal á cidade”.
O goberno municipal creou hai preto de tres anos esta “distinción especial e de singular relevancia para entregar en casos excepcionalmente relevantes para a cidade”, tal e como expuxo o rexedor en rolda de prensa.
“Decidín propoñer e outorgar esta primeira distinción a Javier Moll, fundador e presidente do grupo editorial Prensa Ibérica no que esta integrado o diario decano da prensa española Faro de Vigo”, sinalou Caballero, enxalzando o traballo de Moll á fronte da institución “polo apoio continuo do xornal á cidade” e “porque o seu papel na recuperación do Faro de Vigo hai 35 anos foi primordial; recuperou un xornal que ía pola vía da desaparición” e que xogou un “papel tan importante neste territorio, sendo un aliado da cidade, sempre ao carón da cidade”.
O rexedor anunciou a convocatoria dun Pleno o día 8 de febreiro para aprobar esta proposta de outorgamento da distinción máxima da cidade ao propietario e editor do grupo de Faro de Vigo “porque o papel de Faro de Vigo xa forma parte da historia da cidade”.