Escoitar

O alcalde acorda cos sindicatos enfocar os esforzos da cidade na acción social

Abel Caballero mantivo este mércores unha reunión cos representantes dos principais sindicatos da cidade. Na xuntanza por vídeo conferencia acordaron adicar os esforzos a atender a acción social e ás persoas que máis sofren os efectos da pandemia do Covid-19.

mércores, 22 abr 2020
Momento da videoconferencia desta mañá
Momento da videoconferencia desta mañá

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este mércores unha xuntanza de traballo cos representantes dos sindicatos UGT, CCOO e CIG para abordar a reconstrución social e económica pola pandemia do Covid-19.

Caballero explicou en rolda de prensa que a reunión chegaba despois dunha primeira xuntanza a pasada semana cos empresarios. Así, o rexedor tivo unha vídeo conferencia con Ernesto Fontanes (UGT), Amelia Pérez (CCOO) e Alberto Gonçalves (CIG) como responsables das tres grandes centrais sindicais existentes en Vigo.

“Foi moi satisfactoria e houbo moita sintonía, compartimos o ámbito global para enfocar a acción e coincidimos en que hai que dedicar os esforzos á política social, aos que máis sofren a pandemia, para o que reiterei que o Concello ten limite orzamentario”, sinalou.

Na xuntanza tamén tratouse a necesidade de manter o investimento público e a utilización do superávit en atención á cidade, á acción social e á económica. “Temos a incerteza de cando vai a regresar o comercio de proximidade e tamén centreime no mundo da cultura, que está nun momento complicado”, engadiu Caballero.

Alcalde e sindicatos tamén coincidiron en que é necesario extremar as medidas de seguridade e acelerar os pago aos traballadores que están inmersos en expedientes de regulación. “Quero marchar tamén da man dos sindicatos, coñecen ben a situación da cidade e necesario que os ERTEs se abonen con prontitude, temos que buscar un sistema”, apuntou.

O rexedor solicitou aos representantes sindicais a que fagan chegar as súas propostas ao concelleiro de Emprego, Abel Losada, para ter unha relación fluída e emprazou a todos a unha nova reunión en paralelo coas xuntanzas cos empresarios.

Descargar todas as imaxes