Escoitar

O Concello incorpora un novo camión de desinfección para o rural, con 10.000 litros de capacidade

Este mércores comezou a traballar este novo vehículo, que se adicará principalmente ás parroquias de Vigo, segundo anunciou Abel Caballero. Ademais, o goberno vigués pretende intensificar a desinfección de rúas, “unha das nosas prioridades” fronte ao coronavirus, en verbas do alcalde.

mércores, 22 abr 2020
O camión este mércores en Ramón Nieto
O camión este mércores en Ramón Nieto

O novo vehículo conta con 10.000 litros de capacidade e sumouse este mércores aos equipos de desinfección de rúas cos que conta o Concello de Vigo. Este camión adicarase fundamentalmente ao rural vigués, segundo explicou o alcalde en rolda de prensa celebrada por videoconferencia.

“É impresionante”, valorou Caballero este mércores, pois xera unha “nube de desinfección”. O camión é quen de percorrer diariamente “seguramente ata cen quilómetros”, anotou, e a súa operativa concreta pola cidade ten que ser aínda definida pero desinfectará as parroquias da cidade e con horarios distintos en función da afluencia de xente.

O alcalde manifestou que a desinfección é “unha das nosas prioridades” e reiterou que “ningunha cidade de España está a facer o que estamos facendo” en Vigo ao respecto. “E imos intensificalo”, advertiu Caballero, quen avanzou contactos para sumar novos medios que incrementen a desinfección na cidade.

Segundo informara o alcalde en días anteriores, o Concello traballa diariamente no casco urbano e en todas as parroquias, con catorce equipos en quendas de mañá, tarde e noite, e desinfecta tamén cada xornada espazos como o pavillón do Berbés, Cedro, a Policía Local, os parques de Bombeiros, o albergue, Protección Civil, os cemiterios de Pereiró, Teis e Lavadores, e as contornas de todos os centros de saúde e outros espazos sanitarios.

Denuncias
O alcalde deu conta este mércores das intervencións realizadas onte martes pola Policía Local de Vigo para garantir o cumprimento do Real Decreto do estado de alarma. Os axentes sancionaron a 35 persoas e fixeron controis en 885 vehículos, na súa gran maioría cumprindo coas normas establecidas.

Entre as denuncias impostas este martes, algunhas cursadas a pais por estar con nenos polas rúas, outra a un home tomando unha cervexa nun parque ou unha terceira a outra persoa que paseaba polo monte do Castro.

O camión este mércores en Ramón Nieto
Camión de desinfección traballando en Ramón Nieto
Descargar todas as imaxes