Escoitar

Concello, Vigo Gastronómico e Editorial Galaxia entregan 500 libros coa campaña “Comercultura”

Segundo adiantou o alcalde, distribuiranse exemplares de “A Batalla de Rande” xunto coa comida que se leva aos domicilios. O goberno municipal destina 98.500 euros a entidades culturais da cidade e apunta o adiamento do concerto de Sting para o 31 de agosto de 2021.

martes, 21 abr 2020

 

Con motivo do Día do Libro, que se conmemora o 23 de abril, o Concello colabora coa Asociación Vigo Gastronómico e coa Editorial Galaxia na campaña “Comercultura” que levará a domicilios vigueses máis de 500 libros este xoves.

Abel Caballero explicou que se distribuirán, xunto coa comida a domicilio, exemplares de “A Batalla de Rande”, con mapas e gravados, de Román Pereiro publicado pola Editorial Galaxia e cedidos pola entidade para esta iniciativa. O Concello asume a loxística, o transporte e o reparto en cada domicilio e, ademais, “levaremos libros infantís dentro deste proxecto ao Fogar San José-Casa de la Caridad”.

“Comercultura” nace a proposta da Asociación Vigo Gastronómico, que nace na cidade durante esta crise e acolle 18 restaurantes: Lume de Carozo, The Othilio bar, Melitön bocadillerías, Mijo minibar, Niño Corvo cociña sen vergoña, María Manuela food and drink, La Contenta comes y bebes, Kero cocina peruana, Pintxoteca mar, La Pintxoteca, La sidrería pintxoteca, Purosushi restaurante japonés, O Croque cociña, La Carpintería Gastrobar restaurante, El taller de la carpintería, La central, La Trastienda del 4, e o Restaurante italiano Nero. O rexedor eloxiou o proxecto e agradeceullo “moitísimo” aos restaurantes e á Editorial Galaxia.

Axudas á cultura

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar subvencións por valor de 98.500 euros que recibirán diferentes entidades culturais da cidade. Ártica CB recibirá 4.000 euros para o financiamento do programa de artes escénicas 2019-2020, a Asociación Galega de Instrumentos de Corda, 9.000 euros para o 8º Concurso de Instrumentos de Corda Cidade de Vigo, 37.000 euros irán destinados ao convenio co Instituto de Estudos Vigueses para o seu programa de actividades, 27.500 euros dedicaranse á sinatura do convenio coa Fundación Coral Casablanca e 21.000 euros ao convenio coa Orquesta Clásica de Vigo.

O alcalde avanzou que “continuaremos co programa de axuda á cultura da cidade tratando de buscar fórmulas para seguir apoiando e fórmulas imaxinativas nos casos nos que non sexa posible”.

Amais, informou do aprazamento do concerto de Sting en Castrelos, programado para o 1 de agosto, que por mor crise sanitaria se traslada ao 31 de xullo de 2021.

Emerxencia

Por outra banda, o alcalde informou de que o Concello xa concedeu desde o inicio da crise sanitaria un total de 4.232 axudas de emerxencia. "Aumentaron este mes un 200% e para a atención social este Concello non ten límite orzamentario, vai a continuar e estamos preparados", sinalou Caballero. Respecto ás tarxetas de alimentos xa son un total de 800 e ademais repártense 600 menús diarios.