Caballero demanda ao Goberno que defenda aos concellos e a autonomía local

O presidente da FEMP mantivo un encontro este mércores coa ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, na que acordaron traballar para adaptar a normativa local á realidade municipal do século XXI, constatando que “estamos nunha nova dinámica e queremos que este sexa o mandato das corporacións locais”.

mércores, 12 feb 2020
Imaxe do encontro de Caballero con Carolina Darias
Imaxe do encontro de Caballero con Carolina Darias

“Reunión satisfactoria nun clima de traballo e cooperación aberta”, subliñou o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, en referencia ao encontro mantido na tarde de hoxe coa Ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, na que ambos marcaron os puntos da axenda a seguir para “adecuar a normativa municipal aos Concellos do Século XXI”. A xuízo de Abel Caballero, trátase de “cubrir as inmensas lagoas que existen nestes momentos nos Concellos”, motivadas pola necesidade tanto de adaptar a Lei de Bases vixente como de paliar “o retroceso que supuxo a LRSAL”. Esta adaptación, coincidiron, pasa por incorporar modificacións puntuais á Lei de Bases, e outras posteriores de maior calado ao longo da Lexislatura.

O presidente da FEMP expuxo á Ministra varias demandas centrais: “que o Goberno de España blinde que ningunha comunidade autónoma transfira ningunha competencia a ningún concello sen o financiamento acompasado” poñendo de exemplo o que acontece en Galicia onde “nos impoñen obrigas que debe resolver a Xunta e que financia e paga o Concello de Vigo”, polo que considera que “temos que delimitar as competencias exclusivas da comunidade, competencias exclusivas dos concellos, competencias compartidas e competencias concurrentes, quedando claro quen financia cada cousa e canto financiamento reciben os concellos para levar adiante obrigas das comunidades”. Así, recalcou que “queremos que o Goberno de España defenda aos concellos, a autonomía local e consiga que as competencias que recibamos da comunidades veñan co seu financiamento”.

Para o rexedor vigués “estamos nunha nova dinámica e queremos que este sexa o mandato das corporacións locais, o mandato no que as cidades e concellos ocupen o lugar central que ocupan noutros países. Queremos que se produza a segunda descentralización con recursos; aquela que ten que ir das comunidades autónomas aos concellos”.

Na axenda de traballo marcada entre Abel Caballero e Carolina Darias tamén están incluídas cuestións relativas aos recursos humanos no ámbito local. Segundo constataron ambas as partes, as últimas taxas de reposición na Administración Local foron a ámbitos moi concretos -as policías locais e corpos de habilitación nacional- e agora trátase de incidir en persoal cualificado que poida dar resposta ás grandes necesidades que se expoñen, por exemplo, en materia de contratación. En palabras de Caballero, “trátase de fortalecer o nivel cualitativo e técnico dos nosos Gobernos Locais, de contar con expertos de alto nivel para tratar con outras Administracións e cun sector privado moi formado”.

Avanzar nos acordos adoptados polo grupo de traballo sobre regra de gasto para, posteriormente, elevalos á Comisión Nacional de Administración Local, foi outro dos asuntos apuntados no encontro. “Uns acordos importantísimos que deben ser traspostos a leis canto antes”, dixo o Presidente da FEMP. A Ministra asegurou que “o obxectivo do Goberno é contribuír á mellora dos servizos públicos nos municipios para así beneficiar á vida da xente, máis aló de quen teña a competencia”. Neste primeiro encontro entre Darias e Caballero, tamén se abordou a urxencia de contar co decreto de Facenda para a utilización dos superávits municipais, unha cuestión que, aínda que non corresponda especificamente ao departamento de Política Territorial, é moi relevante para os Gobernos Locais.

 

Descargar todas as imaxes