Os albergues municipais contaron con camas libres tódalas noites desde setembro

O alcalde puxo en valor o servizo que prestan os albergues na cidade e informou do labor que desenvolven as dúas unidades de rúa que atenden a persoas sen teito que non queren pasar a noite neles.

mércores, 12 feb 2020

Abel Caballero deu conta este mércores da dispoñibilidade de 21 camas nos albergues da cidade esta pasada noite, 16 para homes e 5 para mulleres e, segundo apuntou, “desde o mes de setembro tódalas noites houbo camas libres nos albergues de Vigo”, poñendo en valor o servizo que prestan tanto o de Marqués de Valterra como o da Fundación Santa Cruz.

Amais, o rexedor explicou que as dúas unidades de rúa que atenden ás persoas sen teito que non queren durmir nos albergues prestaron 33 servizos a semana pasada. Os dous equipos realizan reparto de mantas, ofrecen bebidas quentes, orientación sobre recursos á súa disposición e información sobre albergues e comedor. Amais, manteñen a atención sobre o estado destas persoas contando sempre coa cooperación da Policía Municipal.

Abel Caballero sinalou que as unidades de rúa traballan en diferentes zonas da cidade: Calvario, estación de tren, Bueu, Pizarro, Rosalía de Castro, Policarpo Sanz, García Barbón, Poboadores, Torrecedeira, Arenal ou o Casco Vello.