O Concello ofertará programas de inserción laboral por importe de 2,1 millóns
O goberno local pon en marcha programas de inserción laboral por valor de 2,1 millóns co obxectivo de facilitar a inserción laboral do alumnado. Serán 330 persoas desempregadas as que teñan a oportunidade de participar nestes dous programas formativos, un deles, especialmente destinado a mozos de entre 18 e 25 anos.
A Xunta de Goberno aprobará mañá xoves dous programas de formación laboral por importe de 2,1 millóns. O primeiro dos proxectos é “Vigo pola inserción laboral”, dotado con case 1,8 millóns financiados con fondos europeos, a través dunha convocatoria co Ministerio de Presidencia e Administracións Territoriais do ano 2018. Impartiranse oito itinerarios formativos distribuídos en 21 edicións de 15 participantes cada un, polo que en total serán 315 as persoas desempregadas e empadroadas en Vigo que se poderán beneficiar deste programa.
As liñas formativas, detallou o rexedor, serán as seguintes: actividades auxiliares de comercio, operacións básicas de cátering, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, actividades de venta, organización e xestión de almacéns, operacións básicas de cociña; actividades de xestión do pequeno comercio ou soldadura. Os asistentes que cumpran os requisitos mínimos (que non teñan ingresos iguais ou superiores ao 75% do IPREM) poderán recibir unha axuda duns 400 euros mensuais, unha achega económica que será compatible con outras axudas sociais.
O goberno local tamén aprobará mañá o proxecto “Taller de emprego Formaweb IV”, un programa que vén ampliar a oferta actual das escolas obradoiro con desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e sistemas de xestión de información. Cun investimento de 365.000 euros, está previsto formar a 15 persoas de entre 18 e 25 anos.
Rede de mulleres
Outro dos asuntos que recibirá luz verde na Xunta de Goberno será o convenio coa Asociación Rede de Mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo dotado con 30.300 euros. Esta cifra súmase a outra partida de 50.000 euros para un convenio de emprego o que eleva a 80.300 euros as subvencións municipais que recibe a Rede cantidade coa que practicamente toda a súa actividade, un apoio que o Concello brinda a “unha labor excepcional”. O rexedor recordou que o Concello adica medio millón de euros anuais á loita contra a violencia machista.