Escoitar

O Concello prevé licitar en agosto a nova bancada de Marcador

Abel Caballero informou este venres do prazo estimado para licitar a construción da nova bancada de Marcador, no estadio municipal de Balaídos, unha vez recibida a autorización de Augas de Galicia, que tiña carácter vinculante. A previsión é adxudicar a obra -cun orzamento de 13,8 millóns- no outono.

venres, 31 mai 2019
A licitación é posible en virtude do acordo subscrito entre o Concello e a Deputación, recordou Abel Caballero este venres, e a obra presenta un orzamento no proxecto de 13,8 millóns de euros. Unha vez recibido o permiso vinculante de Augas de Galicia, o alcalde en funcións avanzou que a previsión é licitar os traballos en agosto e adxudicalos en outono.

A actual bancada será derruída por completo para erixir un novo Marcador con 6.700 butacas, cen máis ca actual, cunha superficie total construída de 13.400 metros cadrados e un espazo comercial de 2.600 metros cadrados. Será accesible, con oito elevadores e seis núcleos de comunicación vertical.

Os espectadores de Marcador, unha vez conclúan as obras, estarán a oito metros da liña de fondo do terreo de xogo. A bancada terá unha fachada e cuberta similar ás instaladas en Río e Tribuna, xa renovadas.