Escoitar

Bojnami Danza-Eva Bertomeu ofrece o espectáculo "De todo o que me habita"

Eva Bertoumeu dirixe a compañía valenciana que actúa o mércores 30 de abril ás 20:00 no auditorio municipal, nun programa da Concellería de Cultura para conmemorar o Día Internacional da Danza.

martes, 29 abr 2003
Sobre a aprendizaxe e a procura, de como nun continuo "flashback" da memoria, sen principio nin final, os recordos nos asaltan neste espectáculo devolvendo a dimensión da nosa inconsistencia. "Famentos e temerosos das emocións, recoñecémonos escindidos e dispersos, necesitados de reflexos, de nós noutros, unha quimera que facemos nosa para seguir latexando", di o programa da montaxe.

"É como pechar os ollos e xurar non abrilos. En tanto que fóra se alimenten de reloxos e flores nadas da astucia. Pero cos ollos pechados e un sufrimento en verdade demasiado grande, pulsamos os espellos ata que as palabras esquecidas soan maxicamente" (Árbol de Diana, 1962-Alejandra Pizarnik)

Día Internacional da Danza

O Día Internacional da Danza conmemórase en todo o mundo o 29 de abril. Esta data foi instituída en 1982 polo comité de Danza do Instituto Internacional de Teatro (Unesco) por coincidir coa data de nacemento de Jean Georges Noverre, un gran revolucionario da danza do século XVIII. Céntrase cada ano na homenaxe a unha figura relevante do mundo da danza; neste ano 2003 será o coreógrafo sueco Mats Ek.

Mats Ek é fillo da coreógrafa de vangarda Birgit Cullberg, creadora do Ballet Cullberg, no 1967, e do moderno drama-ballet sueco. A extensa producción de ballets de Ek inclúe máis de vinte traballos para o Cullberg Ballet, no que iniciou a súa traxectoria profesional, entre eles, re-montaxes sensacionais dos grandes clásicos como Giselle (1982), O Lago dos Cisnes (1987) e Carme (1992).

Despois de deixar o Cullberg Ballet, Mats Ek foi coreógrafo convidado para as principais compañías de ballets internacionais. Creou A Bela Durminte para o Hamburg Ballet (1996), A Sort Of para o Nederlands Dans Theater (1997) e Appartement para a Ópera de París (2000). Varios dos ballets de Mats Ek foron adaptados para a televisión, dous deles recibiron os premios Emmy.

Mats Ek tamén é aclamado polos seus traballos coreografados de teatro, Don Giovanni (1999) e Andromaque (2001) no Royal Dramatic Theatre sendo dous de eles. Coa súa última coreografía Fluke, estreada en novembro de 2002 no Dansens Hus en Estocolmo, Mats Ek creou unha vez máis unha obra para o Cullberg Ballet, esta vez en cooperación co ensamble musical Flesh Quartet.