Escoitar

Aberto o prazo de inscrición para o "Día da muiñeira"

Ata o 23 de maio permanece aberto o prazo de inscrición para o "Día da muiñeira", organizado pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural en colaboración coa Escola Municipal de Danza e de El Corte Inglés. As entidades interesadas en participar no acto, que se desenvolverá na rúa Venezuela o vindeiro 1 de xuño, a partir das 12:00 horas, deben rexistrarse na Secretaría da Escola Municipal de Danza, de luns a venres en horario de 10:00 a 12:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.

luns, 28 abr 2003
Cada un dos grupos interpretará unha muiñeira, composta de 4 puntos e 3 músicas de entrada; unha xota, incluíndo 3 puntos e 3 músicas de entrada; e unha ribeirana, formada por 3 puntos e 3 músicas de entrada.

Todos os grupos deberán recoller o plano para o seu emprazamento na vía pública na Escola Municipal de Danza, entre os días 26 e 30 de maio. Aquelas formacións que superen os 35 compoñentes disporán dun autobús que os trasladará dende o punto de recollida que indiquen na súa solicitude.

Ademais, a organización entregaralles a cada un dos participantes un obsequio á fin da súa actuación e ofrecéraselles un refrixerio por xentileza de Coca Cola, Dulcesol e Augas Cabreiroá.

As bases e mailo impreso de inscrición poden ser descargados, en formato pdf, dende a web do Concello.