Escoitar

Aprobada unha permuta de fincas do patrimonio municipal por terreos na Bouza para gañar zona verde

O Pleno aprobou a permuta de terreos sitos no polígono 1 do Peri "A Bouza sur", propiedade de Miraflores Vigo, por fincas do patrimonio municipal do solo, para converter en zona verde as parcelas.

luns, 28 abr 2003
O Pleno da corporación aprobou a operación urbanística que consiste na permuta de predios municipais no centro da cidade por outros de propiedade particular a carón do parque da Bouza. Desta forma, evitarase que se constrúan edificios nos lindeiros da zona verde máis ampla de Coia.

As parcelas que actualmente pertencen á sociedade Miraflores Vigo S.A. e que pasarán a patrimonio municipal son cinco fincas situadas no Polígono I do Peri "A Bouza sur", cunha superficie total de 4.501 m2 aos que corresponde unha edificabilidade de 31.786 m2. O propietario pretendía construír nestas parcelas tres edificios de 14 andares e dous de cinco alturas.

A cambio deses predios, o Concello cederalle a Miraflores Vigo S.A. catro predios, dous deles situados no Polígono Rosalía de Castro II, outro no Peri Praza Elíptica e o último no Plan Parcial Quirós. O total de superficie destas parcelas é de 2.352 m2 e a edificabilidade de 13.688 m2.

A permuta está xustificada polo interese do Concello en converter en zona verde as parcelas situadas a carón do parque da Bouza. Os predios cedidos a cambio polo Concello están en zonas de uso residencial intensivo consolidadas por edificacións. Nesas áreas non é posible realizar intervencións públicas transformadoras e tampouco poden ser ofrecidas para a construcción de vivendas de protección pública, xa que, polo valor dos terreos, iso suporía unha importante perda económica para o Patrimonio Municipal do Solo.

A operación conta co beneplácito do equipo redactor do PXOM e con informes técnicos e económicos favorables.

Parque natural das ciencias-Vigozoo

A Corporación aprobou o cambio da denominación do "Organismo autónomo Vigozoo" pola de "Organismo autónomo municipal Parque natural das Ciencias-Vigozoo" debido ás modificacións introducidas nos últimos anos con carácter didáctico.

Modificación convenio colectivo para acollerse ao Plan Labora

Aprobouse tamén a modificación do convenio colectivo para o persoal laboral temporal nos programas de fomento de emprego co fin de posibilitar a participación do Concello de Vigo no programa Labora.

Adaptarase a subvención que se estableza para este fin ás categorías do persoal laboral temporal contratado por Concello nos programas de fomento de emprego, co obxectivo de posibilitar a contratación de mozos sen experiencia cunha base mínima de cotización cun marcado carácter social para desenvolver tarefas que non sexan realizadas por outras vías.