Escoitar

Prosegue o programa "Entre árbores, paso a paso" cunha saída á Torre dos Mouros, en Candeán

Este programa da Concellería de Medio Ambiente ten como obxectivo a interpretación da natureza e etnografía do Concello de Vigo, por medio de rutas guiadas como ferramenta de comunicación para transmitir unha mensaxe positiva e efectiva con relación a este patrimonio. A cita será o sábado 26 de abril na praza de América, para coñecer a necrópole megalítica do monte da Madroa na que se teñen instalado paneis e sinais no entorno do Parque das Ciencias Naturais e a Torre dos Mouros.

venres, 25 abr 2003
1051270519torrecandean.JPG
Torre de Candéan (simulación)
As ruínas da Torre de Candeán constitúen un dos poucos vestixios arqueolóxicos da época medieval no Concello de Vigo. Este monumento está composto polo corpo da torre, que tiña unha planta duns 80 m2, situada sobre un pequeño outeiro rochoso, o foxo, actualmente ocupado por leiras, e un doble recinto amurallado, practicamente desaparecido.

A torre foi construída a finais da idade media, entre o século XIV e o XV, nun tempo en que Galiza estaba dividida en numerosos territorios dominados por distintos señores feudais, pertencentes a nobleza ou o clero, que gozaban de total autoridade sobre os campesinos. As torres constituían o elemento distintivo da súa autoridade e dominio dunha economía baseada na agricultura e na gandería.

Cada piso tiña unha función diferente: a planta baixa servía de almacén ou corte; no primeiro estaba a cociña e vivían o servicio e os homes de garda e a segunda planta albergaba ao señor feudal e a súa familia.

Segundo a tradición, aínda hoxe viva entre os veciños de Candeán, a Torre foi construída polos mouros e dela parten unha serie de pasadizos que a unen ós castros que existen nas inmediacións. A Torre tamén alberga os tesouros destes mouros que foron infructuosamente buscados. Os mouros son un pobo mítico ao que se lle atribúe a autoría das construccións que os contemporáneos descoñecen a súa orixe. Así pénsase que son obra dos mouros tanto as mámoas do neolítico, os petroglifos da idade do bronce, os castros da idade de ferro, e as torres da idade media. Os mouros, de aparencia humana e de pel de cor negra, teñen capacidade para obrar transformacións, viven baixo terra, fan vida nocturna e gardan inmensos tesouros. Actualmente confúndese este pobo cos mahometanos que habitaron a Península Ibérica. Posiblemente este pobo sexa a reminiscencia das antigas deidades que foron obrigadas a refuxiarse no Outro Mundo infraterreno ante o empuxe do cristianismo.

Paso a paso

O pasado 22 de marzo deu comezo unha nova etapa do programa "Entre árbores, paso a paso", organizada pola Concellería de Medio Ambiente, na que teñen participado máis de 1.100 persoas nas dúas edicións anteriores.

Na presente campaña, da que xa se levan tres xornadas, participaron 100 novas persoas.

"Entre árbores, paso a paso" ten como obxectivo principal a interpretación do patrimonio natural e etnográfico do Concello de Vigo por medio de rutas guiadas como ferramenta de comunicación para transmitir unha mensaxe positiva e efectiva con relación a este patrimonio. Os participantes poden coñecer a diversidade do medio ambiente de Vigo, tanto as árbores e flores dos distintos tipos de masas forestais, e os animais e fungos que nelas viven, así como o uso do espacio que elaborou o home, tanto na actualidade, coma en tempos prehistóricos.

Durante os percorridos, de aproximadamente 10 km cada un, un grupo de especialistas realizarán unha interpretación do medio salientando os valores naturais, etnográficos e paisaxísticos cos que se terá contacto. Estes monitores porán a disposición dos camiñantes o material didáctico e de identificación necesario para o recoñecemento dos distintos elementos naturais.

A saída das visitas é os sábados ás 9:30 da praza de América, onde se colle un bus urbano de liña regular que leva os participantes ata o punto de comezo da ruta. O regreso, estimado ás 15:00 da tarde, terá tamén como parada final a praza de América, seguindo as liñas de Vitrasa.

O próximo sábado, 26 de abril, terá lugar a visita a necrópole megalítica do monte da Madroa na que se teñen instalado paneis e sinais no entorno do Parque das Ciencias Naturais.

As madroas galegas foron construídas hai entre 5000 e 3800 anos pola unha sociedade neolítica caracterizada por ser sedentaria, agrícola e gandeira e servían en primeiro termo para albergar os restos de persoas sobranceiras.
1051270519torrecandean.JPG
1051270619esquematorre.jpg
Descargar todas as imaxes