Escoitar

Saramago formará parte do comité de expertos do Verbum

O concelleiro de Cultura subliñou o compromiso do Nobel de Literatura José Saramago de formar parte do comité de expertos do museo. Xunto a Saramago, figuran como asesores de Verbum os escritores Francisco Fernández del Riego, Víctor Freixanes e Rosa Regás, mailos xornalistas Manuel Toharia, Xosé Cermeño e Carlos Luis Rodríguez.

xoves, 24 abr 2003
1051187082saramago.jpg
Saramago
Verbum é o primeiro museo interactivo sobre a comunicación humana e tamén o primeiro centro destas características da cidade de Vigo. Carlos Príncipe considera que Verbum "introduce Vigo no circuíto de cidades que contan con museos interactivos. Emporiso, Verbum é o único museo no mundo dedicado á comunicación; unha entidade do século XXI que pode competir nun mundo globalizado".

"Os vigueses sentímonos orgullosos da xuventude e da puxanza da nosa cidade. Somos a cidade que máis creceu en Europa Occidental no século XX e por iso no século XXI, onde a globalización e a comunicación son os novos paradigmas, queremos reflexionar, aprender, divertirnos cos signos, os símbolos, as linguxes, os libros, as noticias...", explicou o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe.

Príncipe destacou que a especie humana, os homes e as mulleres son os únicos donos das palabras, por iso esta casa está feita con libedade e para a liberdade. A comunicación define os seres humanos pero a comunicación esixe liberdade, por iso o visitante é o dono da Casa das Palabras. "Somos nós quen marcamos os itinerarios entre os máis de oitenta módulos que nos descobren aspectos diferentes da comunicación humana. Somos nós, os visitantes, quen coas nosas preferencias por cada un dos módulos decidiremos a renovación da colección permanente, porque cada ano, así como a comunicación renóvase tódolos días, Verbum renovará algún dos seus módulos, como as exposicións temporais, para que cada visita nosa, a Verbum, sexa un novo descubrimento", afirmou o concelleiro.

Verbum xa é de todos, xa é un patrimonio dos homes e mulleres, os nenos e maiores, que queren saber máis sobre a capacidade dos humanos para comunicarnos e para aprender cada día a facer un mundo mellor.
Descargar todas as imaxes