Escoitar

O Concello distribúe 500 exemplares do libro "Alba de mulleres" de Carmen Blanco

A Concellería da Muller colabora con Edicións Xerais na publicación de "Alba de Mulleres", para a súa distribución entre os colectivos de mulleres, bibliotecas, institutos e colaboradores deste departamento.

mércores, 23 abr 2003
A presentación do libro está prevista para o 6 de maio ás 16:00 e contará coa asistencia do director de Xerais, Manuel Bragado, a concelleira da Muller, Ana Gandón, e a autora, Carmen Blanco. A edición realizouse coa colaboración das concellerías da Muller de Santiago e Pontevedra, ademais de Vigo.

Carmen Blanco naceu en Lugo en 1951 e é profesora de literatura galega no campus de Lugo, da Universidade de Santiago. Como ensaísta dedicoulle a súa atención ás mulleres e á crítica literaria relacionada co sexo, xénero e escritura. Publicou Literatura galega de muller (1991), Escritoras galegas (1992), Libros de mulleres (1994), O contradiscurso das mulleres (1995) e a edición do Códice Calixtino de Luz Pozo Garza (1992).

Realizou a súa tese de doutoramento sobre "Imaxes de mulleres da literatura galega contemporánea á luz dos discursos feministas" e publicou Nais, damas, prostitutas e feirantas (1994).

Conversas con Carballo Calero (1989), Carballo Calero, política e cultura (1991) e as edicións de Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín, e de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, tamén son obra súa.