Escoitar

Principia o Curso de formación xurídica que analizará o desenvolvemento urbanístico sostible <br />

As xornadas celebraranse o 24 e 25 de abril no Museo de Arte Contemporánea e contarán coa presencia de recoñecidos profesionais que analizarán as estratexias do urbanismo de futuro e de progreso cos aspectos que proporcionan máis calidade de vida para os cidadáns na busca do desenvolvemento sostible.

mércores, 23 abr 2003
A Xerencia de Urbanismo rexistrou, polo momento, a 72 persoas inscritas que asistirán a estas xornadas organizadas por "Xustiza no mundo" e a maioría son avogados, arquitectos, aparelladores e constructores interesados polo desenvolvemento urbanístico da cidade de Vigo.

Entre os temas que se tratarán na primeira xornada están "O medio ambiente na Unión Europea", a cargo de Salvador Rueda, director da Axencia de ecoloxía urbana de Barcelona e "Estratexias locais de desenvolvemento sostible: a Axenda 21 local", de Jesús Díez, técnico da Axencia de Desenvolvemento da Junta de Castela e León.

Ademais daranse pautas para a reducción da "Contaminación atmosférica, ruído e consumo enerxético na cidade", conferencia a cargo de Pastora Bello, profesora do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo; "A xestión dos residuos no medio urbano", de Santiago Urquijo, asesor da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e "A integración do medio ambiente nos fondos comunitarios: a rede de autoridades ambientais", de José Álvarez, coordinador de programas da Dirección xeral de calidade e avaliación ambiental do Ministerio de Medio Ambiente.

O maxistrado do Tribunal Supremo e presidente executivo da fundación "Xustiza no mundo" da Unión internacional de maxistrados, Ramón Rodríguez Arribas, será o encargado da apertura do curso. Celso Rodríguez Padrón, maxistrado e secretario xeral do Consello do Poder xudicial, dará a conferencia inaugural co título "A protección xurídica do medio ambiente".

Máis información