Escoitar

Inaugúranse as Xornadas de Urbanismo

Castrillo abriu as xornadas sobre "Desenvolvemento urbano sostible na Unión Europea" que reúnen a destacados especialistas para achegar novas tendencias normativas que compatibilicen a protección do medio ambiente co crecemento urbanístico.

xoves, 24 abr 2003
1051182671urb11.jpg
Sánchez Goyanes, Castrillo e Rodríguez Arribas
O alcalde, Lois Castrillo, sinalou na inauguración do curso que a Xerencia de Urbanismo se propuxo organizar estas xornadas consciente da importancia de actualizar os coñecementos sobre a materia e coñecer novos modos de entender o desenvolvemento da cidade. "Estas xornadas téñense consolidado como un referente non só na cidade senón cara fóra cunha grande afluencia de participantes", dixo o alcalde.

"Por segundo ano consecutivo son organizadas por Xustiza no Mundo, cunha colaboración excelente desde o punto de vista municipal que permitiu contar cun elenco de participantes de primeira orde que ten feito que gañasen calidade á hora de achegármonos ao desenvolvemento xurídico", destacou Castrillo.

O alcade dixo que Vigo fixo unha aposta firme polo desenvolvemento sustentable coa idea de que unha cidade que non esgota os seus recursos para o seu progreso ten futuro.

Nas xornadas analizaranse temas como programas de aforro enerxético, criterios de protección ambiental, litoral, desenvolvemento industrial, tráfico e mobilidade para aplicar estes coñecementos á un novo modelo de cidade que persegue o Pxom.

O alcalde indicou que Vigo progresa preservando recursos naturais para asegurar que a sociedade do futuro poida seguir mellorando, para iso porase en marcha proximamente a Axenda 21 local co obxectivo de anotar os indicadores de calidade ambiental co fin de discutir e coñecer a nivel xurídico e técnico o realizado noutros países sobre o desenvolvemento sustentable.

O maxistrado do Tribunal Supremo e presidente executivo da Fundación Xustiza no Mundo, Ramón Rodríguez Arribas, ofreceu unha conferencia de apertura do curso na que analizou como desde distintas ramas do dereito se protexe o medio ambiente. Explicou que mediante os tratados de Amsterdan e Niza mantéñense obxectivos comúns para a protección do medio, froito da concienciación que incide no dereito comunitario, polo que os estados membros deben iren adaptándose ás esixencias europeas.

O maxistrado realizou un pronunciamento explícito, práctico e contundente sobre o feito de que o dereito penal puidese sancionar os funcionarios ao máis alto nivel en canto ás denuncias por prevaricación, xa que teñen competencia sen resolución.

Salvador Rueda, director da Axencia de ecoloxía urbana de Barcelona, expuxo exemplos de recuperación de espacios públicos nos centros das cidades e modelos de mobilidade urbana.
Descargar todas as imaxes

Máis información