Escoitar

Fulano, Mengano e Citano actúan na asociación de veciños de Lavadores

A asociación de veciños de Lavadores acolle o venres unha nova representación do programa Vigo a Escena, que organiza a Concellería de Festas e Animación Sociocultural. Neste caso vaise representar a obra "Cheiro de Estrelas II", a cargo do grupo Fulano, Mengano e Citano. A representación terá lugar ás 8 da tarde.

xoves, 24 abr 2003
Xosé Manuel Conde, Manuel Botana e Manuel Pombal serán os actores que protagonizarán esta obra, na que unha imaxinaria Televisión de Jalisia vai emitir, como tódalas semanas, o programa "Cheiro de Estrelas".

O público presente, invitado á gravación do programa foi levado en "carro de bois", camiño de ferro, furgón DKW e similares.

As autoridades en coches oficiais de cor negra e cristais afumados con chisqueiros.

Ó traverso de "Cheiro de Estrelas II" descóbrese que cada galego/a é unha estrela na súa casa. Isto fánnolo ver personaxes como Chicho de Chantada, Melindre de Melide, Otilia, Hipólito Cerdeira e así ata dezanove, que van dando vida a un espectáculo que ten certo cheiro e que se ve na Televisión de Padrón Parribal.

A Televisión de Jalisia é un ente que non existe, que é unha trola e que é imposible que poida habela semellante.

É, segundo o propio grupo, "unha televisión de carallada".