Escoitar

O programa "A radio na escola" remata no colexio Lope de Vega

Máis de 500 rapazas e rapaces participaron neste proxecto promovido pola Concellería de Xuventude e a Fundación Radio ECCA.

martes, 29 abr 2003
O mércores remata no colexio Lope de Vega o proxecto "A radio na escola", deseñado pola Concellería de Xuventude e a Fundación Radio ECCA, que percorreu desde o mes de decembro de 2002, un total de 17 escolas públicas da nosa cidade.

O concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez Olveira asistirá ás 12:30 á clausura deste programa.

Máis de 500 rapazas e rapaces viviron de preto esta experiencia, coñecendo as características do medio radiofónico, aprendendo da súa historia e facendo prácticas como técnicos e técnicas de son e locución.

Os pratos xiradiscos, os magnetofóns de cinta aberta, os cassettes, a tecnoloxía dixital cos Dat, Compact Disc, Mini Disc e tarxetas de son con programas de software habilitados para a comunicación, foron algúns dos recursos técnicos que directamente manexaron. A posta en escea radiofónica coa representación do conto de carapuchina vermella, onde aprenderon a facer efectos especiais, os informativos, as retransmisións deportivas, foron outros dos apartados presentados a este público selecto, que aporta inxenio, soltura e estímulo, pois o seu normal comportamento do directo realza a frescura desta parte importante da mocidade que gustou desta experiencia, e que queren repetir, de ser posible.

Parte importante do proxecto foron as profesoras e profesores dos centros onde se desenvolveu a actividade, xa que disfrutaron dela coa mesma ilusión que as alumnas e alumnos.

A radio na escola estivo programado para 5º e 6º de primaria e toda secundaria. Cada alumna e alumno cubriu unha enquisa onde se analizan os gustos musicáis dos mozos e mozas de Vigo e os medios de comunicación máis utilizados.