Escoitar

Declaración do Concello de Vigo sobre a guerra

O alcalde, Lois Castrillo, leu a declaración consensuada coa xunta de voceiros a favor da paz e do cese da intervención bélica.

xoves, 10 abr 2003
1049987342xornalistas1.jpg
Xornalistas na concentración
Non máis guerra.

Non queremos que se repitan masacres semellantes a esta, á que asistimos durante días atónitos como espectadores espantados por tanto sangue e desolación. Esta semana a morte golpeou a un paisano, José Couso, que perdeu a súa vida por mor dun canonazo ignominioso, e a doutro xornalista, Julio A. Parrado. Antes ca eles morreron outros xornalistas, testemuñas dunha guerra ilegal e inmoral, falecidos mentres cumprían a súa misión de desvelar á opinión pública mundial a realidade atroz que estamos a vivir.

Sabemos os nomes destes mortos, pero xunto a eles hai milleiros de víctimas anónimas; non só soldados, moitos civís, nenos e nenas que coma nós non comprenden as razóns de tanta violencia.

Hai que acabar con tanta dor, coa continua chegada de persoas feridas a hospitais que non teñen persoal nin medios para atendelos. Hai que proporcionarlle auga e alimentos a unha poboación que sofre as terribles consecuencias das decisións duns dirixentes políticos que non os tiveron nunca en conta cando optaron por utilizar as armas para resolver os seus conflictos.

O mal xa está feito, pero aínda pode ser maior se os gobernos occidentais non adoptan medidas conducentes a paliar a desgraciada situación dos habitantes de Irak. Todos somos responsables de proporcionarlle axuda ás víctimas, pero especialmente aqueles que apoiaron esta guerra abominable.

Dende Vigo, aínda arrepiados polas imaxes de destrucción gravadas nas nosas retinas, reclamamos a fin desta guerra maldita e o envío inmediato de axuda humanitaria á poboación de Irak.

Hai quen hoxe está a falar de victoria. Nós sabemos que nesta guerra non hai vencedores, perdeu toda a humanidade.

Non máis guerra.

Vigo, 10 de abril de 2003
1049987342xornalistas1.jpg
1049987361xornalistas2.jpg
1049987382xornalistas3.jpg
Descargar todas as imaxes