Escoitar

Escolares vigueses inícianse nas artes escénicas coa representación de teatro de marionetas

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Vigo, convoca o "I Certame de Títeres, Guiñois e Marionetas 2003", que se realizará o 6 e 7 de maio do 2003 no auditorio municipal coa colaboración da Concellería de Educación.

xoves, 10 abr 2003
1049969128Anaebertila1.jpg
Ana Gandón e Bertila Fernández na presentación
A concelleira de Educación, Ana Gandón, e a presidenta de Foanpas, Bertila Fernández, presentaron o certame de títeres que terá como tema de fondo a educación en igualdade para ter unha visión máis igualitaria do entorno.

Bertila Fernández explicou que os nenos crearon as súas propias marionetas para participar neste certame e participaron en obradoiros de confección e interpretación de títeres. Foanpas traballa na idea de crear un museo da marioneta e do títere en Vigo.

Neste certame poderán tomar parte tódolos colexios públicos de educación infantil, primaria e secundaria de Vigo. O tema estará baseado na coeducación.

Cada colexio elaborará os seus propios títeres e marionetas e os decorados e materiais que sexan necesarios para a representación da obra. Con tódolos traballos realizados, sexan premiados ou non, farase unha exposición na lonxa do Concello.

Foanpas achegaralle a cada colexio participante un premio que consistirá en material didáctico e que será recollido polos nenos e nenas participantes no acto de clausura. Tamén haberá 10 accesits para repartir entre os que o xurado considere oportuno. A entrega de premios será o 8 de maio.

A representación das obras realizarase no auditorio do Concello o 6 e 7 de maio do 2003 de 10:00 a 13:00 horas. O tempo máximo de representación da obra será de 10 minutos aproximadamente, non estando contemplado o tempo de preparación da escena. Cada centro deberá contar con persoal de apoio para a colocación do atrezzo no escenario.
Descargar todas as imaxes