Escoitar

Preséntase o libro "Sinais dunha cultura" de Fernández del Riego

O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, afirmou que Del Riego é un exemplo e un modelo de persoeiro galego universal.

mércores, 9 abr 2003
1049886843delriego1.jpg
Príncipe, Del Riego e Abeledo no acto de presentación
Carlos Príncipe, agradeceulle á Deputación de Pontevedra a sensibilidade amosada para publicar esta obra dun vigués exemplar que culmina a longa carreira intelectual de Francisco Fernández del Riego. Príncipe cualificou a Fundación Penzol, asentada na Casa Galega da Cultura, como a sede do galeguismo histórico.

Francisco Fernández del Riego afirmou que levou unha vida de entrega a Galicia na orde cultural fundamentalmente para a divulgación e aproveitamento dos recursos do país para poñelos ao alcance de todos cun fondo didáctico. Sinalou que este libro fala dos cultos primitivos como a auga e a pedra, a lingua, a historia, a tradición, o xornalismo, a presencia da paisaxe na obra de escritores galegos e de figuras representativas que coñeceu vencelladas a este país como García Lorca, Nélida Piñón ou Valle-Inclán.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Manuel Abeledo, indicou que este libro é unha reflexión sobre unha cultura singular, un reflexo da nosa historia e da nosa realidade feito non só con fins testemuñais senón tamén como esperanza do porvir. "O noso futuro, como nos enseña Francisco Fernández del Riego neste libro, só se poderá afrontar sendo fieis ás raíces compatibilizando tradición e vangarda, amor á terra e sentido universal", dixo Abeledo.
Descargar todas as imaxes