Escoitar

Os usuarios cualifican cun notable os servicios municipais de orientación laboral e asesoramento a emprendedores

O traballo realizado polo Servicio de orientación laboral (SOL) e polo Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE) vén de obter unha cualificación de notable alto, de acordo cos resultados do estudio realizado pola empresa Sondaxe co obxecto de coñecer o grao de satisfacción dos beneficiarios do Plan municipal de emprego 2000-2003.

martes, 8 abr 2003
1049801119sondaxe3.jpg
Xosé Gabriel Vázquez e Delfín Fernández na presentación do estudio
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, presentou os resultados deste estudio nun acto, no que o director de Sondaxe fixo unha exposición do método de traballo utilizado e das conclusións máis importantes.

Para o estudio, realizado durante o pasado mes de febreiro, aplicáronse dúas dinámicas de grupo e dúas enquisas entre beneficiarios do Plan, escollidos aleatoriamente a partir da base de datos de ámbolos dous servicios municipais da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego. En total foron entrevistadas telefonicamente 328 persoas. Realizáronse 148 entrevistas entre os usuarios do SAE e 180 do SOL. O 65% dos enquisados foron mulleres.

No caso do SOL, o estudio arroxa unha satisfacción media de 7.1, sobre 10, sendo o persoal de orientación laboral o compoñente do servicio que determina, en gran medida, esta alta valoración. Os beneficiarios deste servicio outorgan, de acordo cos datos de Sondaxe, un 8.4 ó labor desempeñado polo técnico municipal.

A satisfacción dos beneficiarios do SAE, pola súa parte, cifran cunha media de 7.3 o servicio, namentres que ascende ata un 8.4 puntos a valoración do técnico que o atendeu e asesorou. En concreto, a amabilidade, o trato e o tempo dedicado son os aspectos que máis positivamente destacan os usuarios.

Polo que respecta ós canles de coñecemento da existencia dos servicios municipais do Plan municipal de Emprego, o de orientación laboral e de o de asesoramento, unha media do 50% dos enquisados apuntaron ás redes informais, como os coñecidos, familiares ou amigos como fonte utilizada para obter información sobre este servicio.
Descargar todas as imaxes