Escoitar

Un libro e unha exposición lembran a amizade entre Cunqueiro e Del Riego

A Concellería de Cultura patrocina a mostra "Cartas ao meu amigo. Epistolario mindoniense a Francisco Fernández del Riego" que se exhibe na Casa Galega da Cultura. A Editorial Galaxia publicou un libro coa reproducción das cartas.

luns, 7 abr 2003
1049718493del.jpg
Carlos Príncipe e Fernández del Riego visitan a mostra
O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, afirmou que tanto Álvaro Cunqueiro como Francisco Fernández del Riego forman parte da cidade de Vigo. "Ambos compartiron unha lealdade persoal, inquezanda intelectual e a virtude da amizade", dixo Príncipe.

Francisco Fernández del Riego dixo que sempre foi un admirador de Álvaro Cunqueiro, incluso sendo neno, e lembrou o momento no que lle amosou os primeiros 25 folios do Merlín e animouno a proseguir cunha das mellores obras da literatura contemporánea. "Estas cartas son o reflexo dunha amistade profunda que nunca se interrompeu", dixo Del Riego.

Dolores Vilavedra, encargada de clasificar as cartas e realizar as anotacións da publicación, explicou que este libro permite descubrir como se xestou o Merlín, Sinbad, Hamlet... e as censuras que padeceu o autor. "Os amigos de Cunqueiro souberon tirar del o mellor de si e non deixaron que esmorecera naquel Mondoñedo da posguerra", destacou a profesora.

Víctor Fernández Freixanes sinalou que o acto de presentación da exposición e a publicación das súas cartas constitúen unha cerimonia de memoria e de xustiza literaria e histórica, posto que ambos escritores viviron a amizade en situacións políticas terribles.

Con "Cartas ao meu amigo", a Editorial Galaxia inaugura a colección Memoria, con textos destinados á recuperación do pasado máis recente da nosa cultura, a través de testemuños dos seus protagonistas. O deseño da exposición sobre a amizade dos escritores é de Manuel Janeiro e Xosé Soutullo, co patrocinio da Concellería de Cultura de Vigo. Permanecerá aberta na Casa Galega da Cultura durante o mes de abril.
1049718493del.jpg
1049718725del3.jpg
Descargar todas as imaxes