Escoitar

Vigo 20 reclama a creación dunha plataforma xuvenil

Os participantes esixen unha maior presencia dos intereses xuvenís nas institucións locais

luns, 7 abr 2003
1049713285vigo20.jpg
Cartel do programa
A "Quedada" final de Vigo 20 analizou o pasado 5 de abril as políticas xuvenís do Concello e da Universidade. A xornada, na que participaron setenta novos menores de trinta anos, incluíu nas súas conclusións a necesidade de crear unha plataforma xuvenil para acadar das institucións unha maior atención, dinamizar grupos informais e impulsar a presencia dos intereses dos mozos en todos os departamentos municipais, especialmente, dos relacionados co lecer, a vivenda e a saúde. Emporiso, traballouse a partir de 187 ideas previas, tiradas dos grupos de discusión celebrados con anterioridade nos que interviran 130 mozos.

Doutra banda, os debates sinalaron a necesidade de mellorar a interrelación entre distintos departamentos municipais, o impulso dos servicios en internet e a ampliación de espacios para a libre utilización dos novos. Ademais, subliñouse a conveniencia de apoiar os colectivos informais, ante a crise das formas asociativas tradicionais e o escaso funcionamento do Consello da Mocidade. Os asistentes denunciaron a falta de análise das necesidades reais dos mozos, pedindo reforzar o labor informativo da Concellería, cunha maior presencia e a implantación de novas prestacións, relacionadas coas novas tecnoloxías.

Verbo da Universidade, os rapaces solicitaron un novo Aulario e máis dispoñibilidade horaria para os obradoiros que se organizan, denunciando a complexidade dos trámites para obter axudas ou subvencións. Tamén, detectouse unha gran sensibilidade sobre a situación do transporte aos campus, esixindo máis liñas, mellores horarios e prezos menores. Á hora de valorar a acción do Concello e da Universidade, os novos cualificáronos cunha media de 6 sobre 10.

As xuntanzas desenvolvidas estiveron animadas polas actuacións e comentarios humorísticos dun grupo de teatro que incorporaron música e imaxes proxectadas entre os discursos do concelleiro de Xuventude, Santiago Domínguez, e o técnico de Cultura do Vicerrectorado de Extensión Universitaria Alfonso Caride.
Descargar todas as imaxes