Escoitar

O rexedor reclama á Xunta que negocie cos traballadores para acadar un acordo

O alcalde recibiu este xoves aos representantes dos sindicatos convocantes da folga de Xustiza en Vigo. Tras coñecer as reivindicacións dos traballadores, Caballero reclamou á Xunta de Galicia que se sente a negociar e "non se levante da mesa" ata acadar un acordo.

xoves, 1 mar 2018
1519912326xustiza.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este xoves no Concello aos representantes dos sindicatos de Xustiza que acudiron á xuntanza para trasladarlle os motivos da folga xeral convocada desde hai máis de dúas semanas. O rexedor amosou o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores ante as condicións nas que se atopan.

"As formulacións dos sindicatos son moi razoables e atinadas, moi fundamentadas, queren a equiparación e considero imprescindible que avance a negociación", apuntou o rexedor. Tamén pediu aos responsables da administración autonómica que se senten na mesa negociadora e que "non se levanten" ata alcanzar un acordo.

Caballero insistiu en que o dereito á folga é "un principio constitucional de primeira magnitude" e sinalou que "reclaman os seus salarios de forma moi civilizada", polo que non entende que desde a Xunta lles pidan que desconvoquen a mobilización dos traballadores como condición para negociar.

O alcalde mantivo a reunión con delegados dos sindicatos SPJ USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO.
Descargar todas as imaxes