Escoitar

O Concello apoia o paro laboral na Xustiza e insta ao vicepresidente Rueda a negociar unha solución

A Corporación aprobou unha moción presentada polo grupo de goberno amosando o "apoio" municipal á folga e "ás xustas reivindicacións laborais" dos traballadores da Xustiza. Ademais, ínstase ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "escoitar" aos profesionais e "negociar unha solución".

mércores, 28 feb 2018
En virtude do texto aprobado, o Concello de Vigo amosou no Pleno deste mércores "o seu apoio á convocatoria de folga e ás xustas reinvindicacións laborais dos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza de Galicia". O acordo foi promovido polo goberno de Vigo e apoiado por Marea, mentres que o PP de Vigo votou en contra.

Nun segundo punto do acordo, a Corporación instou á Xutna Xunta de Galicia, "e nomeadamente ao seu vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda", a escoitar a eses traballadores e a negociar unha solución que poña fin á súa discriminación e permita devolver á normalidade o funcionamento das sedes xudiciais do noso país".

Pensións
A sesión plenaria deste mércores tamén debatiu e aprobou unha moción sobre pensións. O acordo finalmente acadado insta ao Goberno de España a "garantir o poder adquisitivo das pensións mediante unha revalorización xusta que supere o incremento de prezos da vida, especialmente polo que se refire ás pensións máis baixas". O texto foi presentado polo PSOE e apoiado por Marea, mentres que o PP de Vigo se abstivo.

O Concello tamén pide medidas específicas para elimitar progresivamente a brecha próxima ao 40% na contía das pensións de homes e mulleres, acometer as reformas legais necesarias para garantir o aumento de cotizantes e das achegas precisas para o sistema público de pensións, "derogando as reformas laborais realizadas neste quinquenio que precarizan o emprego e as pensións actuais e futuras".

Nos dous últimos puntos do acordo se require a eliminación do factor de sustentabilidade, que "reducirá as pensións de xubilación da esperanza de vida da cohorte correspondente a partir do 1 de xaneiro de 2019, e o establecemento de "medidas que incrementen os recursos do sistema público de pensións", como por exemplo un "imposto á banca e o imposto ás transaccións financeiras".