Escoitar

Caballero e Silva convenian a renovación de vías municipais por case un millón de euros

O alcalde e a presidenta da Deputación asinaron este xoves un convenio de colaboración para a renovación de firmes por case un millón de euros, principalmente en vías do rural vigués. Tanto Abel Caballero como Carmela Silva subliñaron a "total cooperación" existente entre ambas institucións. <br />

xoves, 11 ago 2016
1470918945sinaturaconvenio.JPG
O Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra veñen de conveniar a execución de obras de renovación de firmes en vías municipais, cun investimento do organismo provincial próximo ao millón de euros, segundo informaron Abel Caballero e Carmela Silva ao remate da sinatura do acordo.

Alcalde e presidenta explicaron que as vías que serán renovados en base a este acordo están en Sárdoma, Castrelos, Candeán, Teis, Alcabre, Coruxo, Matamá, Zamáns, Bembrive, Bouzas, o entorno do Castro e de Travesas.

En rolda de prensa, onde tamén estivo presente o segundo tenente de alcalde e deputado provincial, David Regades, o alcalde de Vigo enmarcou este acordo nunha nova etapa da Deputación, na que é posible a "cooperación total". Segundo subliñou, Carmela Silva "está a transformar a Deputación nunha institución respectable, porque ata agora non o era, vista desde esta cidade".

Abel Caballero sinalou que este cambio nas relacións co organismo provincial é un "cambio histórico" e avanzou que este non será o último convenio que a cidade firme coa Deputación de Pontevedra.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación apuntou que a cidade olívica "merécese" este investimento: "cando cheguei á Deputación comprometinme a dar un trato equitativo aos 62 concellos da provincia, e isto incluía de forma especial a Vigo". Silva, que se confesou "inmensamente feliz" pola firma deste convenio, insistiu en que Vigo "merece en si mesma" o apoio das administracións, pero que, ademais, ofrece servizos e beneficios a veciños doutros municipios da comarca e da provincia.
Descargar todas as imaxes