Escoitar

O rexedor eloxia a "sensibilidade" dos autores de "Impresións e Estampas dos Campos e do Mar"

Abel Caballero e Carmela Silva, como máximos responsables do Concello e a Deputación, respectivamente participaron este xoves na presentación deste libro, con palabras de Félix Bello e a pintura de Rosa Elvira Caamaño. A publicación recolle 42 acuarelas e bosquexos de paisaxes galegas complementados con impresións escritas que logran transmitir sensacións.

xoves, 11 ago 2016
1470918101librodiputacion.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participaron este xoves na presentación do libro "Impresións e Estampas dos Campos e do Mar", xunto ao escritor Félix Bello e a pintora Rosa Elvira Caamaño.

Caballero eloxiou a calidade e a "sensibilidade" dos autores dunha publicación que reúne 42 acuarelas e bosquexos complementados con impresións escritas de paisaxes, que logran transmitir a representación do espírito da paisaxe galega, con especial incidencia nas sensacións. O traballo explora a beleza física da paisaxe coa intención de espertar un sentido profundo da natureza.

Félix Bello Vázquez estudou Filoloxía Románica nas universidades de Salamanca, a Complutense de Madrid e a Sorbona. É doutor e catedrático de Lingua e Literatura Española, con oito anos como profesor de lingua española no estranxeiro (Francia e Italia). Como investigador no campo da filoloxía publicou numerosos traballos sobre Gustavo Adolfo Bécquer e Pío Baroja, entre outros.

Rosa Elvira Caamaño naceu en Bueu, pintora, doutora pola Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid, Profesora Titular de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Protagonizou exposicións individuais e colectivas, dentro e fóra de España: en Vigo, Madrid, Xénova, Nova York, San Petersburgo...
Descargar todas as imaxes