Escoitar

O rexedor valora a tradición do deporte en Vigo na presentación do Concurso de Tenis Club de Campo

Máis de 70 profesionais chegados de vinte países competirán no LXXVI Concurso Internacional de Tenis Club de Campo de Vigo, que terá lugar do 13 ao 20 de agosto. Caballero destacou o "background" da cidade no mundo do deporte. <br />

mércores, 10 ago 2016
1470834322tenis2.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este mércores na presentación do LXXVI Concurso Internacional de Tenis Club de Campo de Vigo, cita deportiva de tradición que se celebra do 13 ao 20 deste mes nas pistas de terra batida do club.

Caballero felicitou ao novo campión de Galicia de tenis, Roberto Rodríguez, do Club de Campo de Vigo e presente no acto, e encomiou a calidade dos tenistas que cada ano xogan o torneo vigués. Con todo, o rexedor defendeu este campionato por motivos superiores: "Vivir en Vigo é entrar na dimensión do transcendente porque esta é unha cidade con tanto 'background' no mundo do deporte".

E para enfocar esta afirmación ao club anfitrión, o xefe do goberno municipal utilizou unha frase moi británica: "No Reino Unido o céspede leva tres séculos de enraizamento... e no Club de Campo, tamén", explicando con esta cita que a antigüidade do torneo nado en 1940 dálle maior valor que a propia listaxe de participantes.

Trátase, segundo subliñaron durante a rolda de prensa, dun dos torneos masculinos máis importantes de Galicia e un clásico nacional, incluído na categoría ITF Futures e puntuable para a clasificación ATP.

Na edición 2016 do concurso -que repartirá case de 9.000 euros en premios- participan máis de setenta profesionais do tenis procedentes de vinte países. Entre os tenistas españois, a organización destaca a presenza en Vigo de Roberto Ortega (un dos xogadores máis prometedores do país), Pedro Martínes Portero (gañador de catro Futures esta tempada), Javier Martí (entre os 150 mellores tenistas do mundo) e Carlos Boluda (considerado o sucesor de Rafa Nadal). Tamén compite no Concurso o valorado como o mellor tenista da historia de Portugal, Federico Gil.
Descargar todas as imaxes