Escoitar

O alcalde confía na "pronta sinatura" do convenio de transporte ao aeroporto tras o envío das modificacións do texto á Xunta

O goberno municipal envía este martes á Consellería de Infraestruturas un documento coas propostas de modificación do texto remitido, entre elas, a consideración do transporte como supramunicipal por enlazar coa área metropolitana, a flexibilidade do convenio para que se poida adaptar se aumentan os voos ou a eliminación da obrigatoriedade de que o autobús que cobre a ruta deba ser novo. <br />

martes, 9 ago 2016
O Concello de Vigo enviará este martes á Xunta de Galicia un documento no que figuran as observacións que estima que debe recoller o texto do borrador de convenio de transporte ao aeroporto remitido pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Coa confianza de que "moi pronto esteamos en situación de asinar o convenio porque hai poucas dificultades", o alcalde explicou que unha das cuestións que precisa ser cambiada é a consideración deste transporte como de "interese municipal" pola Xunta cando o goberno local entende que é de interese supramunicipal porque enlaza coa estación de autobuses "e, polo tanto, con toda a Área Metropolitana e coa centralización do transporte público en toda a Área".

Ademais, Vigo propoñerá que se engada ao texto que, se durante a vixencia do Convenio aumenta o número de voos, haberá que aumentar as frecuencias, reconsiderando a subvención que paga a Xunta. Para o alcalde, o texto é "axeitado nas circunstancias actuais pero é un convenio a dez anos vista, polo tanto a medio prazo, en dez anos, isto pode varias de forma significativa e confiamos que sempre sexa á alza", polo que quere que sexa flexible no referente ao número de voos.

Outra das cuestións técnicas que recolle o texto enviado pola Consellería sinala que o autobús que cubra o percorrido debe ser novo e o Concello de Vigo considera que "debe estar en condicións óptimas de utilización" sen ser necesariamente novo, tendo en conta os períodos de amortización do vehículo que son superiores aos da duración do convenio. Amais, o rexedor asegurou que o autobús terá as cores do transporte urbano de Vigo e a imaxe de aeroportos de Galicia e denominación "aeroporto de Vigo", a proposta do goberno local, para que "se saiba a onde vai".