Escoitar

O rexedor ofrece os servizos dos bombeiros vigueses á Xunta para a extinción dos lumes

Abel Caballero amosou a súa solidariedade cos alcaldes dos municipios afectados polos incendios poñendo á súa disposición os efectivos municipais para colaborar na extinción dos lumes, como aconteceu este martes ao seren solicitados os servizos do Parque Municipal a través do 112 e do 085, polo que se enviaron 10 efectivos e 3 vehículos a Mondariz e 12 efectivos e 3 vehículos a Soutomaior.

mércores, 10 ago 2016
O rexedor deu conta en rolda de prensa este mércores da actuación do Servizo de Bombeiros do Concello nos incendios rexistrados en Mondariz e Soutomaior (O Viso) e transmitiu a súa solidariedade aos alcaldes dos municipios afectados a quen se dirixiu para ofrecerlles "todos os efectivos de bombeiros e policías da cidade". Da mesma maneira, puxo os servizos municipais de bombeiros a disposición da Xunta "para todo o que precise", dentro ou fóra da provincia, "neste momento difícil" apuntando a "boa dotación" humana e de medios materiais coas que contan os parques municipais.

Segundo explicou o rexedor, para traballar na extinción do lume forestal de Mondariz foron enviados 10 efectivos e 3 vehículos: 2 mandos, 3 condutores - bombeiros e 5 bombeiros cunha Bomba Forestal Pesada, unha Bomba Urbana Pesada e unha Bomba Nodriza que teñen "enorme capacidade de actuación", tras a solicitude a través do 112 de madrugada.

Para o incendio rexistrado en Soutomaior (O Viso) foron solicitados os servizos do parque municipal a través do 085 na tarde de onte martes e foron enviados 12 efectivos e 3 vehículos: 3 mandos, 3 condutores - bombeiros e 6 bombeiros dotados cunha Bomba Forestal Pesada, unha Bomba Urbana Pesada e unha Bomba Nodriza Pesada, actuando na zona próxima ás vivendas.