Escoitar

O rexedor define a Gran Gala do Deporte como o exemplo da "revolución que vive Vigo" neste eido

Abel Caballero presentou hoxe venres a Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca, que cumpre a súa décimo sétima edición, e que vai celebrarse o vindeiro mércores día 16 no teatro Afundación, o escenario habitual cada ano. Vai supoñer, nas súas palabras, "a homenaxe da cidade a un modelo de forma de vida e á participación no deporte".<br />

venres, 11 mar 2016
1457714367deporte.jpg
O alcalde de Vigo, acompañado por Pedro Costa, xerente de "Faro de Vigo"; Javier Soto, director de zona de Abanca; e do concelleiro de Deportes e presidente do xurado da gala, Manel Fernández, presentou a Gran Gala do Deporte de Vigo e afirmou que "a cidade está a vivir unha revolución en canto a participación a todas as idades na actividade física" e "isto nos marca o gran reto, que queremos asumir, de ser capaces de dar resposta á gran demanda deportiva en toda a cidade".

O rexedor informou de que hai 47 nomeados en categoría sénior (31 homes e 16 mulleres) e 30 na promesa (sub 19), repartidos en 14 mozos e 16 mozas. "Encántame ver que en promesas hai máis mulleres que homes", indicou.

O xefe do goberno vigués apuntou que hai maioría de deportistas de Vigo (38 en categoría absoluta e 26 en promesa), con sete municipios tamén representados (Baiona, Gondomar, Nigrán, Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Salvaterra) e sumando catorce aspirantes entre as dúas categorías.

O alcalde, que dixo que "en pouco teremos que ampliar a gala e ir a todos os municipios da área metropolitana", tamén explicou que haberá tres apartados máis no acto.

Así, un é o premio especial do xurado ao traballo do Club Deportivo Tamiar-Apamp, que leva o deporte a persoas con discapacidade cerebral, outro espazo específico será para un humilde pero sentido homenaxe a Paco Araújo, presidente do Celta Bosco polo seu pasamento hai uns días e "bo amigo de todos nós", sinalou Caballero, e un terceiro para as mencións especiais.

Estas mencións irán a Begoña Fernández (balonmán), Quino Salvo (baloncesto), Desirée Vila (ximnasia acrobática), o aniversario durante 2015 de Comesaña Sporting Club (centenario, atletismo), Monte Real Club de Yates de Baiona (medio século, náutica), Club Ciclista Teis e Club Ciclista Meixoeiro (vintecinco anos, ciclismo), o labor da Agrupación Deportiva Galicia Social e do veterano cronista Martínez Salgado ("Marsal"), o esforzo patrocinador de Movisa na Fundación VIDE, os quince anos de vida da Semana do Atlántico Cidade de Vigo-Trofeo Martín Barreiro de vela lixeira organizada polo Real Club Náutico de Vigo e a paixón de Carlos Movilla, baixo o pseudónimo de "Ramón Parente" na promoción do fútbol modesto vigués.

Javier Soto, por Abanca, asegurou que este evento "transcende moito máis alá da súa implicación no mundo deportivo" e ofrece "impulso e visibilidade" ao deporte de Vigo e da súa área de influencia, mentres que Pedro Costa, polo "Faro", pechou as alocucións indicando o seu desexo de que "a gala sexa un éxito como sempre foi".
Descargar todas as imaxes