Escoitar

O Concello outorga ao Celta a licenza para reformar a súa sede da rúa Príncipe

Abel Caballero deu conta este mañá da aprobación da solicitude de licenza por parte da Xerencia de Urbanismo polo que, dende hoxe, o club pode iniciar as obras de reforma do inmoble situado no número 44 da rúa Príncipe. A presenza do Celta no centro da cidade é do "agrado" do rexedor porque será "un novo dinamizador" de Vigo.

venres, 11 mar 2016
O Concello vén de concederlle ao Real Club Celta de Vigo, SAD a licenza que tiña solicitada para reformar o edificio situado no número 44 da rúa Príncipe, no que albergará as súas novas instalacións, segundo informou hoxe o rexedor vigués.

Caballero explicou que o presuposto da obra é de case 1.200.000 euros e que o proxecto foi redactado polo "gran arquitecto" Alfonso Penela Fernández. A presenza das dependencias do club na rúa Príncipe é do "agrado" do alcalde porque será un "novo dinamizador do centro da cidade".

Segundo consta no expediente aprobado pola Xerencia de Urbanismo, coa reforma solicitada resultará un edificio composto dunha planta soto para instalacións, unha planta baixa para uso comercial, entreplanta para cafetería e acceso, planta primeira para salón de usos múltiples e palcos para exposición, planta segunda para residencia de xogadores, terceira para policlínica con ximnasio, plantas cuarta e quinta para oficinas e planta sexta para restaurante.