Escoitar

B A N D O "INSPECCIÓN TÉCNICA DE EDIFICACIÓNS (ITE) - 2015"

Lémbrase á cidadanía que AS EDIFICACIÓNS CONSTRUÍDAS NO ANO 1984 no termo municipal de Vigo deberán pasar a súa primeira inspección durante este ANO 2015, de acordo co artigo 6.2 da Ordenanza municipal reguladora da Inspección Técnica de Edificacións (ITE) do Excmo. Concello de Vigo (BOP núm. 221, do 17 de novembro de 2010).

venres, 16 out 2015
A listaxe destas edificacións pode consultarse na páxina web do Concello (www.vigo.org/ite) e nos taboleiros de anuncios do Concello e da Xerencia Municipal de Urbanismo.
Así mesmo, lémbrase que nesa mesma páxina web pode consultarse a listaxe de todas as edificacións das que non consta a presentación do informe de ITE entre os anos 2006 e 2014, os cales deberán ser presentados o máis axiña posible.

QUE É A ITE?
A ITE é unha INSPECCIÓN QUE DEBEN PASAR TODAS AS EDIFICACIÓNS, CALQUERA QUE SEXA O SEU DESTINO (vivendas, oficinas, industria, comercio, etc.), EN FUNCIÓN DA SÚA ANTIGÜIDADE PARA ACREDITAR O SEU ESTADO DE SEGURIDADE CONSTRUTIVA. Permite que se acometa, a tempo, a execución das medidas inmediatas que eviten tanto os riscos para a seguridade das persoas coma a necesidade de afrontar reparacións máis complexas e custosas.

QUEN ESTÁ OBRIGADO?
Todos/as os/as propietarios/as, persoas físicas ou xurídicas titulares de calquera tipo de ben inmoble.

COMO SE PASA A INSPECCIÓN?
A inspección debe realizarse por profesionais independentes legalmente facultados para levar a cabo esta función. As persoas propietarias deberán encargar a un/unha técnico/a competente a expedición do informe de inspección e facilitarán ao/á dito/a técnico/a a visita de inspección a todas as dependencias da edificación. Unha vez efectuada a inspección farase constar o seu resultado nun impreso normalizado que deberá ser presentado no colexio profesional correspondente e no Rexistro Xeral da Xerencia Municipal de Urbanismo. O seu resultado quedará reflectido nun rexistro de edificacións creado para o efecto.

CANTO CUSTA? AXUDAS?
O seu custo será o libremente pactado cos/coas profesionais que a propiedade ou comunidade de propietarios contrate para realizar a inspección.
O 30 de setembro de 2015 publicouse no BOP núm. 189 unha Convocatoria de axudas ás persoas propietarias que carezan de recursos suficientes para a realización do informe da ITE correspondente ao ano 2015 (edificacións construídas en 1984) e que sexan propietarias dun único ben inmoble que sexa a súa vivenda habitual. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de decembro de 2015.

HAI SANCIÓN POR NON PRESENTAR O INFORME?
O incumprimento de presentación do informe en prazo constitúe unha infracción urbanística leve, sancionable con multa de 300 a 6000 euros. Non se poderán conceder axudas municipais á rehabilitación total ou parcial das edificacións sen cumprir en prazo coa obriga de presentar o informe de ITE.
Para máis información pode consultarse a páxina web do Concello (www.vigo.org/ite) ou nos teléfonos do Servizo de Atención Cidadá (010) ou do Servizo de ITE (986 810 336).


O ALCALDE - PRESIDENTE DA XERENCIA MUNICIPAL DE URBANISMO

Abel Caballero Álvarez