Escoitar

O alcalde destaca a boa marcha do aeroporto que sobe un 11% o número de pasaxeiros en setembro

Abel Caballero informou este xoves da aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da adxudicación a Ryanair do contrato de promoción turística de Vigo polo que a compañía operará voos con Barcelona, Dublín, Boloña, Edimburgo e Milán a partir do próximo ano 2016. Ademais, o rexedor salientou o comportamento positivo de Peinador que experimentou un incremento de pasaxeiros do 11% no mes de setembro e que rexistra un nivel medio de ocupación dos voos do 70%.

xoves, 15 out 2015
O aeroporto de Vigo experimentou no mes de setembro unha suba de máis do 11 por cento no volume de viaxeiros, en relación ao mesmo período do ano pasado, e un aumento superior ao 3% no conxunto do ano. Son os datos que deu a coñecer o alcalde esta mañá nunha rolda de prensa na que salientou, especialmente, o nivel de ocupación dos voos, que se sitúa no 70%, e que definiu como "elevadísimo".

A ruta entre Vigo e París rexistra un 84,62%, os voos con destino a Madrid teñen un nivel de ocupación dun 75,46% e no que vai de 2015 os viaxeiros con destino á capital de España creceron un 7%. Barcelona cun 78%, Palma co 75%, Tenerife Sur cun 73% e Ibiza cunha ocupación do 72% son, para Abel Caballero, un exemplo do "magnífico comportamento do aeroporto e ratifica o que sempre dicimos: que cando se ofertan voos dende Vigo, a xente cólleos".

En canto ao tráfico de pasaxeiros por compañías, Iberia Express transporta ao 38% dos pasaxeiros totais de Vigo e Air Europa ao 30%, o que converte esta ruta na líder da ocupación ao acumular o 66% dos viaxeiros de Peinador. A ruta de Vueling a Barcelona leva ao 17% dos pasaxeiros, Air Nostrum o 6% e Air France o 5%. O rexedor valorou positivamente estas cifras e dixo que no goberno local están "contentos e satisfeitos".

Adxudicación de rutas a Ryanair
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a proposta definitiva de adxudicación a RYANAIR dos servizos de promoción de Vigo, que para o Concello supón un investimento dun millón e medio de euros anuais, durante 3 anos. Abel Caballero define esta proposta como "francamente boa".
Deste xeito, Ryanair ofrecerá desde Peinador unha ruta diaria a Barcelona con máis de 70.000 prazas anuais, 2 novas conexións internacionais en 2016 con Dublín e Boloña con 23.000 prazas de oferta e co mesmo número de billetes, haberá conexión con Edimburgo e Milán para o ano 2017.