Escoitar

Caballero reitera coas Foanpas o compromiso do goberno local co ensino público na cidade

O alcalde de Vigo ratificou hoxe xoves o compromiso de Vigo co ensino público, garantindo o convenio anual de 606.000 euros que ten coas Foanpas. Na mesma rolda de prensa, tamén avanzou a vontade do Concello de ceder de xeito inmediato á Xunta os terreos para ampliar o Ceip Castelao de Navia, aínda que lle recriminou un retraso de dous anos nesta solicitude.

xoves, 15 out 2015
1444912316foanpas.JPG
O alcalde de Vigo ratificou o convenio coa Federación Olívica de Pais e Nais de alumnos de Vigo polo que a asociación recibe 606.000 euros para bolsas de libros, comedor e actividades educativas complementarias. Tendo en conta as achegas procedentes do servizo municipal de Benestar, o importe que o goberno local adica a bolsas de libros e comedor é de 1,8 millóns, o que permite contar con 5.000 beneficiarios. Ao longo deste ano, explicou o rexedor, desde as actividades programadas por Foanpas enfatizarase a custión da multiculturalidade e a crise dos refuxiados para que os nenos coñezan o papel que "algunhas cidades queremos xogar frente a esta problemática".

Respecto da petición da Xunta de Galicia dos terreos para ampliar o CEIP Castelao de Navia, o rexedor non só asegurou que a cesión será inmediata, senón que recriminou ao goberno galego por non solicitalo hai dos anos, cando llo ofertou o goberno local. En todo caso, Caballero avanzou o inmediato inicio dos trámites para o cambio de uso da parcela, ao tempo que instou a Xunta a incluir nos próximos orzamentos unha partida de 7,2 millóns para poder acometer esa obra.

Seguindo coa educación, Caballero lembrou que en 15 días estarán realizadas as obras que requiriu a Xunta o pasado 13 de outubre para poder poñer en funcionamento a nova escola infantil de Mestres Goldar, unha situación similar á que se atopa a escola infantil de Navia, pendente da visita de inspección, logo do envío das correcións do proxecto que esixiu a Xunta de Galicia. A pesar de ser unha competencia autonómica, engadiu Caballero, o goberno local duplicou o número de prazas en escolas infantís desde o ano 2007, pasando de 302 ás 608 que hai na actualidade. Nestes momentos hai 4 centros en funcionamento, aos que se van sumar Mestres Goldar e Navia, tan pronto a Xunta o autorice.
Descargar todas as imaxes