Escoitar

O Concello suma 5 millóns de euros para expropiar os terreos da Cidade da Xustiza

Na Xerencia de Urbanismo deste venres, segundo deu conta hoxe Abel Caballero, o goberno de Vigo adxudicou un novo piso en República Argentina, e eleva case 3 millóns a cifra recadada na poxa das vivendas. En total, o Concello ten case 5 millóns para expropiar os terreos mentres que a Xunta Galicia, encargada de construila, non ten partida orzamentaria, segundo denunciou o alcalde.

venres, 15 mai 2015
A vivenda supón 134.000 euros máis, que aproxima o total aos 5 millóns, contando a venda das vivendas e a partida pública, "máis que de sobra para pagar os costes da expropiación dos terreos da Cidade da Xustiza", proceso que concluirá en xuño, mentres que a Xunta de Galicia, encargada de construíla, aínda non ten partida económica para facelo, segundo salientou o alcalde.

En segundo lugar, Urbanismo acordou iniciar a tramitación para solicitar a titularidade de dúas parcelas que prolongan as rúas Serafín Avendaño e Callao ata a confluencia con Canadelo Baixo. Actualmente os terreos, propiedade de ADIF, están deteriorados, carecen de pavimento, con beirarrúas en mal estado, sen alumeado público, mobiliario urbano nin sinalización viaria. O Concello de Vigo reclama a transferencia para poder acometer "unha inmediata humanización", avanzou Caballero.

Por último, segundo trasladou o alcalde, deuse conta na xerencia da concesión de 10 licenzas para un investimento total de 631.000 euros.