Escoitar

O Concello abre este venres o prazo para preinscribirse nos campamentos de verán

Segundo informou esta mañá o alcalde, poden preinscribirse en xuventudevigo.org desde mañá, 15 de maio, os interesados nalgún dos campamentos e actividades programados polo goberno de Vigo para este verán. O Concello, que mantén nos de pago os prezos de anos anteriores, programa a mesma oferta récord do 2014, indicou Caballero, con numerosas opcións para nenos e rapaces desde os 4 anos de idade.

xoves, 14 mai 2015
O progama do Concello de Vigo para este verán inclúe campamentos urbanos (para rapaces desde os 4 ata os 17 anos), espazos de tempo libre (de 4 a 12 anos) e actividades xuvenís (de 13 a 35 anos), unha oferta que mantén os prezos nas propostas que son pago -cunha media de 35 euros- e nas que o goberno local subvenciona o 40% do custe das mesmas.

A partir de mañá venres, 15 de maio, o Concello abre un prazo de preinscripción para realizar o rexistro de datos (na web www.xuventudevigo.org) e, a partir do 28 de maio, data de inicio de solicitudes, as familias só terán que elixir a actividade á que queren apuntarse. Trátase do cuarto ano no que o goberno de Vigo emprega a inscripción telemática, evitando así as colas.

Os obxectivos do Concello pasan por facilitar a conciliación da vida familiar, persoa e laboral, ofertar un tempo de ocio educativo dentro da propia cidade, achegar e divulgar a cultura marítima e potenciar o estudo do inglés. A este respecto, o goberno local organiza distintos campamentos relacionados coa náutica e a ría en distintos puntos da cidade e incluso unha actividade de inmersión lingüística en inglés.