Escoitar

O Concello reduce novamente o prazo medio de pago a proveedores, que queda en 12 días

A tenente de alcalde, Carmela Silva, deu conta no Pleno da Corporación deste luns do informe trimestral sobre o cumprimento dos prazos para os pagos do Concello, que sitúan á local viguesa como "a mellor do conxunto das administracións" cunha media de 12,04 días, cando os entes públicos abonan as súas facturas nun prazo de 111 días.

luns, 1 dec 2014
Silva trasladou ante o pleno o nomeado informe correspondente ao terceiro trimestre do presente ano, que volve rebaixar o prazo medio de pago do Concello aos seus proveedores ata os 12,04 días, o dato máis baixo desde a entrada en vigor da normativa estatal contra a morosidade do 2010.

A tenente de alcalde definiu de "excelentes" estas cifras, "as mellores do conxunto das administracións e concellos" do Estado, asegurou, o que é "importantísimo para a economía viguesa" ao facilitar a pervivencia das empresas e dos empregos en tempos de crise e posibilitar a súa planificación en canto a investimentos.

O prazo medio de pago aos proveedores no conxunto das administracións públicas españolas ascende a 111 días, indicou Silva, cifra que ascende a 92 días no global dos municipios. A socialista recordou asemade que en Vigo non quedan facturas pendentes de tramitar e non se pagou "un céntimo" en xuros de demora, algo que "tampoco acontece en todas as administracións".

A tamén responsable da área municipal de Economía e Facenda concluíu afirmando que a xestión económica no Concello de Vigo é "francamente extraordinaria", situando á cidade olívica como "exemplo" no resto do Estado.

Carmela Silva tamén deu conta ante o Pleno do estado de execución de gastos e ingresos correspondente ao terceiro trimestre de 2014. No relativo aos gastos, a execución é "similar á de exercicios anteriores" cunha previsión a final de ano superior ao 95%, mentres que nos ingresos tamén se transcorre en niveis parecidos aos do anterior ano, con estimación de acadar o 100% previsto.