Escoitar

Abel Caballero anima á cidadanía a participar na carreira atlética do domingo contra o cancro <br />

O alcalde da cidade, Abel Caballero, animou hoxe á cidadanía a participar este domingo na segunda edición da Carreira contra o Cancro, en Coia e a súa contorna.

mércores, 22 out 2014
1413982459cancer.JPG
O alcalde de Vigo incidiu hoxe na presentación do evento no valor social desta proba, cun percorrido competitivo e outro que non o é, e pediu á cidadanía "que vaian, que vexan, que participen e formen parte do movemento contra o cancro". o alcalde estivo acompañado na presentación polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, membros da organización Vigo contra o Cancro e Javier Rodríguez Berrocal, director do equipo de investigadores da Universidade de Vigo ao que irán destinados o cartos das inscricións.

O alcalde, que chanceou cos organizadores pedíndolles para o futuro "un percorrido de mil metros para a xente como eu" quixo felicitar aos organizadores porque a dobre opción de dous circuítos, un de 10.000 metros (competitivo) e outro de 5.000 (non competitivo) "está ben pensada". Dende os volcáns de Coia, a carreira discorrerá por Castelao, rúa Porriño, avenida Florida, Praza de América e volta a Castelao. Os atletas que vaian a por marca deberán de dar dúas voltas ao circuíto. A proba non competitiva comezará ás 10:00 horas e o dez mil, ás 11:30 horas.

O patrocinio privado serviu para cubrir os gastos de loxística (o Concello apoia con Policía Local, Protección Civil e trofeos), e así a organización poderá destinar o diñeiro da inscripción (5 euros a primeira carreira, 8 euros a segunda) ao equipo investigador, denominado BB1 Biomarcadores moleculares, que é un grupo de biólogos que leva "vinte anos dedicado ao estudo" do cancro e que segue unha liña de investigación, xa en fase "bastante avanzada", para unha detección precoz do cancro de colon e de pulmón localizando moléculas danadas.

A organización tamén deseñou un programa de actividades físicas complementarias (clase de zumba ás 10:30 e de bodycombat ás 10:55) en colaboración co Gimnasio G21 e anima a que quen non participen acudan e fagan unha donación para o proxecto coa compra da camiseta conmemorativa.

Na primeira edición en 2013 participaron 1.700 corredores; agora espérase superar esa cifra. E se recaudaron uns 11.600 euros para o primeiro proxecto elixido.
Descargar todas as imaxes