Escoitar

O Concello habilitará un elevador que conectará Menéndez Pelayo con Avenida Camelias

O goberno local ven de aprobar o proxecto, por importe de 630.000 euros, para dispoñer dun ascensor inclinado en Juan Ramón Jiménez que salve os 20 metros de altura entre Menéndez Pelayo e a Avenida das Camelias. O alcalde tamén informou das aprobacións de proxectos de humanización en Gregorio Espino, Gerona e Aragón, cun orzamento superior ao millón de euros.

luns, 6 out 2014
1412596863alcalde4.jpg
Tras as escaleiras mecánicas da rúa II República, o goberno de Vigo continúa traballando no Vigo vertical e, tal e como avanzou hoxe luns o alcalde, ven de aprobar o proxecto para instalar un ascensor inclinado na rúa Juan Ramón Jiménez, de 32 metros de percorrido, que permitirá salvar os 20 metros de altura existentes entre Menéndez Pelayo e a Avenida das Camelias.

Explicou Caballero que o elevador contará con embarques en Menéndez Pelayo e na Avenida das Camelias, parando ademais a metade de camiño nuns locais próximos á Avenida. A capacidade de carga será de 25 persoas, facendo posible o desprazamento de máis de 1.700 persoas por hora. O prazo estimado de execución das obras ascende a 7 meses e o investimento municipal, a 630.000 euros.

Humanizacións
En Xunta de Goberno Local, o equipo dirixido por Caballero deu tamén luz verde a proxectos de obras de humanización en Gregorio Espino, Gerona e Aragón. Na primeira, por importe de 400.000 euros e catro meses de obra, o Concello renovará a pavimentación e os servizos da beirarrúa esquerda da avenida, no tramo entre San Roque e Urzaiz, facendo unha mediana con plantacións no tramo entre a rúa Aguia e a rúa Xilgaro. Tamén se reformará a rede de abastecemento e saneamento, cunha nova rede de iluminación e outra de rego, con novo arborado, mobiliario urbano e xardineiras.

No caso da primeira fase primeira da humanización de Gerona, comprendida entre as rúas Alfonso X el Sabio e Gran Vía, o Concello vigués adicará 350.000 euros e 4 meses de obra para iniciar a reforma, renovando pavimentación e redes de servizos soterradas e alumeado, mantendo os estacionamentos e incorporando arborado, zonas axardinadas, mobiliario urbano e nova sinalización.

Caballero avanzou asemade o inicio da terceira fase da rúa Aragón, 300.000 euros e 4 meses de traballos que arrancarán coa execución dunha mediana axardinada entre a rúa Padre Celso e a Travesía de Vigo. En total, subliñou o alcalde que estes catro proxectos aprobados na pasada Xunta de Goberno Local representa un investimento total de 1.680.000 euros.
Descargar todas as imaxes